A Mancomundidade da Mariña acusa á Xunta de evadir a súa responsabilidade
O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña e alcalde de Foz, Fran Cajoto, quere expresar a súa indignación máis absoluta coa evasión de responsabilidades da Xunta de Galicia publicada onte, 5 de xullo de 2020, no DOG.
Fran Cajoto explica que “a Xunta de Galicia pretende ocultarse de novo e xogar ao escondite nunha crise sanitaria na que todos os concellos amosamos a nosa colaboración e nos puxemos á disposición para atallar o rebrote por COVID na Mariña. É absolutamente inverosímil e indignante que a Xunta de Galicia no DOG publicado hoxe -disposición quinta- traslade aos concellos a vixilancia, inspección e control do cumprimento das medidas de prevención que se recollen nesta orde,… tendo en conta a condición de autoridade sanitaria de alcaldes e alcaldesas,…. Isto é: aos concellos, sen medios, sen datos de contaxiados, que non traslada o Sergas, sen competencias, sen experiencia e sen capacidade pretende trasladársenos unha responsabilidade que a Xunta de Galicia non quere exercer. Pasamos de xestionar Madrid a xestionar os concellos: Santiago ponse de lado”.
Cajoto engade: “que me explique o señor presidente en funcións da Xunta de Galicia como pretende que concellos como Alfoz, Ourol ou Barreiros poidan exercer vixilancia algunha cando non teñen ningún corpo de policía local. Isto é unha liña vermella. Estamos para colaborar en todo o necesario, pero si o que se pretende é facer un deixamento de funcións, desde logo aos concellos vainos ter en fronte. Non se pode criminalizar a un concello en concreto ou a un establecemento de hostalería. Estamos moi concienciados coa crise sanitaria e de verdade esperamos que nas vindeiras horas se rectifique. O noso obxectivo vai ser sempre frear o rebrote de COVID-19 e axudaremos como sempre o fixemos, incluso por riba das nosas posibilidades. Non se pode abandonar aos concellos á súa sorte cando hai tantos veciños, pequenos comerciantes e autónomos, que o pasaron e o volverán a pasar moi mal cun peche necesario e que ninguén desexa”.