A Mancomunidade da Mariña aposta polo traballo conxunto para a recuperación

TerraChaXa | LugoXa
O presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña, Fran Cajoto, aposta polo traballo conxunto: “é a forma de saír todos desta”.
vespa
16 Xul 2020

O presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña, Fran Cajoto, aposta polo traballo conxunto: “é a forma de saír todos desta”. E subliña que é fundamental que a comarca retome o bo nome que sempre tivo e que funcione este verán. Para iso se está a traballar nunha campaña de promoción co obxectivo de que a xente recupere a confianza, sen perder o respecto e a responsabilidade, pero é preciso que cidadanía e turistas volvan gozar das rúas, do seu comercio e da súa hostalería.

Cajoto contou que “esta tarde os membros da Mancomunidade da Mariña tivemos unha reunión moi importante porque estamos nun momento no que o sector turístico está de capa caída polas limitacións nos desprazamentos. E coas novas de que se reabren as posibilidades de ir a outros lugares, a excepción de Burela, temos que traballar para apoiar ao sector do pequeno comercio e aos establecementos de hostalería e que o xeodestino A Mariña, recoñecido en moitos lugares como un destino de turismo tranquilo e no que se pode confiar porque non está masificado, retome ese bo nome e funcione este verán”.

O presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña sinalou que “neste sentido trasladamos as distintas campañas de promoción que están en marcha e as iniciativas nas que estamos traballando, tamén a través das redes sociais, para que a xente volva recuperar a confianza, que non se perda o respecto e a responsabilidade, pero si o medo. O obxectivo é que, usando as mascarillas e as demais medidas de protección axeitadas, acudamos aos distintos lugares de vacacións e tamén os propios veciños vaian aos distintos establecementos para que esta campaña de verán, aínda que non sexa nin con moito como a do ano pasado, si que tome un pouco de pulo e funcione o mellor posible”.

Para Fran Cajoto “sempre hai que ser positivos, vamos pola boa senda, sen relaxarnos e traballando todos conxuntamente é a forma de saír todos desta”.

A campaña de promoción da Mariña como destino tranquilo este verán estase a ultimar e será presentada dentro duns días.

0.1927227973938