A Mancomunidade da Mariña aprobou o orzamento, que ascende a 419.000 euros
No pleno da Mancomunidade de Municipios da Mariña, que se celebrou no Vicedo, foi aprobado o orzamento para 2019 que ascende a máis de 419.000 euros. O presidente, Alfredo Llano, explicou que “nesa cifra está incluído o plan integrado de emprego no que estamos a traballar”.
Na sesión tamén se procedeu a visualizar o vídeo promocional da Mariña que se presentará en Fitur o vindeiro 24 de xaneiro ás seis da tarde. Llano dixo que “ten unha duración aproximada de dous minutos, nos que se fai un percorrido polos 16 concellos que formamos parte da Mancomunidade de Municipios da Mariña”.
A Mancomunidade solicitará, un ano máis, unha subvención ao Fondo de Compensación Ambiental para proceder á compra de novos contedores. “Esta é unha fórmula que nos está a dar un bo resultado, por iso solicitaremos de novo esta subvención”, engadiu o presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, que tamén encargará a realización dun estudo sobre a necesidade de contedores orgánicos que teñen os concellos.
No pleno celebrado onte no Vicedo tamén se deu conta da marcha do plan Catuxa, do plan integrado de emprego e dos programas de recollida de aceite usado e de roupa.