A Mancomunidade da Mariña lucense estrea nova web turística
A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense estrea nova web turística para a promoción do xeodestino e, ao mesmo tempo, para a divulgación e interpretación de todo o seu patrimonio. O obxectivo pasa por motivar ao turista a explorar e descubrir todas as posibilidades da comarca. Nunha segunda fase, a desenvolver nos próximos meses, incorporarase unha nova funcionalidade, que consistirá nunha ferramenta coa que se creará unha sección de servizos turísticos no xeodestino. Trátase dunha iniciativa que a Mancomunidade leva a cabo coa colaboración da Axencia de Turismo de Galicia.
O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, asegurou que “seguimos traballando desde a Mancomunidade nun sector estratéxico como é o turismo na nosa comarca. Xa vimos facendo distintas actividades, moi importante foi a campaña de promoción Vuelve a encontrar el norte, tamén as xornadas gastronómicas #DegustaAMariña en colaboración coa FCAM. Agora continuamos con A Mariña en Ruta, coñecendo distintos atractivos que ten a nosa comarca, distintas paisaxes e recursos tan importantes como o xeolóxico, que non coñece o veciño de a pé, e poñendo en valor o enorme patrimonio tanto cultural como natural que temos”.
Cajoto considera que “para poñer en valor toda A Mariña, desde logo hoxe en día é fundamental unha páxina web completa, unha páxina web de turismo que aglutine todos os recursos da comarca, que nos poña no mapa a nivel de rutas, de recursos e aloxamentos, e que sexa ao final o nexo de unión entre os que nos queren visitar e nosoutros mesmos. Desde logo estamos moi ilusionados con este proxecto e con esta nova web, renovada, funcional, clara e concisa, e que seguiremos ampliando coas distintas actividades que faremos. Sigue en construción, pero xa resulta moi oportuna e dá mostras do gran traballo que está a facer a nosa xerente. Esperemos que a todo o mundo guste, que surta efecto e que nos veñan visitar tamén fora de tempada de verán”.
Internet é a principal ferramenta a disposición da cidadanía para descubrir e localizar información sobre os recursos e servizos dispoñibles nun territorio. En concreto, no mundo do turismo, máis do 80% das persoas empregan internet como principal fonte de información para preparar as súas viaxes.
A axente de Desenvolvemento Turístico da Mancomunidade, Tania Hermida, manifestou que “a Mancomunidade tiña a necesidade de transmitir á
cidadanía información sobre o seu extenso patrimonio para a promoción dun turismo
sustentable e a divulgación e interpretación do patrimonio natural e cultural presente na comarca”. Con esta nova web, foméntase o “explorar e descubrir” o xeodestino mostrando ao mesmo tempo unha visión global e en detalle de todos os contidos. A web conta cunha ampla presenza de mapas que van mais aló da típica xeolocalización de recursos e servizos: serven tamén de ferramenta de comunicación e incitan á aventura de explorar as posibilidades do territorio.
Hermida engade que “a Mancomunidade pretende mellorar a percepción que o cidadán ten da Mariña Lucense como destino turístico, atraer a máis visitantes fóra de tempada e incitar ao turista real e potencial e aos propios mariñáns a explorar e descubrir toda a riqueza da comarca, facer que o usuario se sinta a gusto navegando polos contidos, aínda que a cantidade destes sexa cuantiosa, e conseguir que a cantidade e variedade das posibilidades turísticas da rexión sexa un factor relevante para a toma de decisións á hora de mercar a Mariña Lucense como destino turístico, axudando ao futuro visitante a planificar a súa futura viaxe pola comarca. Así mesmo, búscase apoiar ao visitante in-situ, achegándolle información complementaria aos lugares que está a visitar e axudando a desprazarse polo xeodestino”.
Esta nova web turística e un proxecto vivo, dende a Mancomunidade continuarase mellorando e ampliando o seu contido, levarase a cabo a tradución ao inglés da información que se recolle e ao longo dos próximos meses incorporarase unha nova funcionalidade que consistirá nunha ferramenta coa que se creará unha sección de servizos turísticos no xeodestino.
Toda información sobre está comarca pode atoparse en www.amarinalucense.gal