A Mancomunidade elabora un Plan de sostibilidade turística a desenvolver de 2021 a 2023
A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense elaborou un Plan de Sostibilidade Turística para a comarca por importe de 3 millóns de euros a desenvolver de 2021 a 2023. O presidente do ente, Fran Cajoto, subliña que o seu obxectivo é reactivar o sector tras o duro golpe sufrido en xuño co brote de Covid, que obrigou a confinar á Mariña e que supuxo a cancelación do 100% das reservas realizadas para xullo e do 40% das previstas para agosto.
Cajoto manifestou que “a Mancomunidade presentou a súa candidatura para optar a un Plan de Sostenibilidad Turística do Ministerio de Turismo de ata 3 millóns de euros, alentada e apoiada pola Xunta de Galicia, para impulsar a reactivación turística da comarca”.
O presidente da Mancomunidade explicou que “o pasado 5 de agosto, o anterior conselleiro de Turismo, Román Rodríguez, reuníase cos representantes da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense para dar a coñecer os principais puntos do futuro Plan de Sostibilidade Turística para a comarca, así como os requisitos e criterios a cumprir para a selección, defendendo a idoneidade da Mariña para estes plans co obxectivo de impulsar a súa reactivación turística despois do duro golpe tras o rebrote de Covid19. Esperamos que ese compromiso se manteña e se aposte de forma decidida por unha comarca que ten un gran potencial por explotar e que está a sufrir unha grave crise tamén no eido industrial coa fábrica de aluminio de San Cibrao. É o momento de pasar das palabras aos feitos”.
Fran Cajoto dixo que “unha das características diferenciais deste plan é que unha vez redactado, foi aprobado de forma unánime en plenario da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, que representa a 16 municipios gobernados por distintas cores políticas. É o resultado do esforzo de toda unha comarca traballando de forma unida, o cal non acontece moi a miúdo”.
A Mariña Lucense entraría dentro da figura dos Planes de Sostenibilidad en destinos turísticos rurais ou de interior, que inclúen zonas costeiras pouco desenvolvidas, que teñen como obxectivos principais dinamizar os destinos rurais para contribuír a afrontar o reto demográfico, poñer en valor o seu patrimonio medioambiental e crear novos produtos turísticos baseados nas súas particularidades. Os Plans de Sustentabilidade Turística son solicitados polas entidade locais. Neste caso foi a Mancomunidade quen fixo a solicitude, que abarca todo o xeodestino, alentada e co apoio da Xunta de Galicia. Este Plan podería chegar a contar cun orzamento de 3 millóns de euros para un período de 3 anos (2021-2023). O Estado a través da Secretaría de Estado de Turismo financiaría o 40-45%, a Xunta de Galicia outro 40-45% e a Mancomunidade financiaría o 10-20% restante.
Fran Cajoto sinalou que “dende a Mancomunidade, da man dos Concellos e coa axuda dunha consultora externa financiada polo goberno autonómico durante o mes de agosto, traballouse a marchas forzadas para presentar o Plan de Sostenibilidade Turística mais idóneo posible para a comarca na data sinalada, o 10 de setembro”.
Desde a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense lembran que a comarca non conta cun plan turístico desde o ano 2014, data na que rematou o Plan de Competitividade de Produto Turístico, desenvolvido ao longo de catro anos: “desde entón non se volveu realizar un plan específico para o sector turístico do xeodestino, aínda que se segue a traballar nas liñas estratéxicas daquel plan”.
O obxectivo principal do novo plan é impulsar un desenvolvemento turístico sostible na Mariña Lucense, poñendo en valor o seu patrimonio cultural e natural protexido para frear a perda demográfica nas áreas rurais dos 16 municipios que garanta o desenvolvemento dun modelo sostible e rendable para o destino cunha visión do turismo a longo prazo. Nese eido, traballouse en 5 eixos estratéxicos que tratan á Mariña como un todo, sen localismos. “Presentamos liñas de actuación que abranguen a todo o territorio da comarca. Así, poñer en valor as fervenzas que hai na Mariña, traballar en rutas de BTT ou sendeirismo, definir unha rede de miradoiros ou de turismo ornitolóxico ou definir, oficializar e potenciar unha ruta de peregrinación a Santiago esquecida -o Camiño do Mar- que discorre por todos os concellos costeiros, constitúen accións que benefician a toda a comarca no seu conxunto e non a un concello de forma individual”, indicou Fran Cajoto. O presidente da Mancomunidade dixo tamén que “apostamos por sumar forzas, apostamos por traballar unidos e creemos firmemente que a única forma de que o turismo medre é actuar en conxunto. O plan conta cunha parte promocional moi importante, que pode constituír un salto cualitativo: temos unhas condicións fabulosas, é moi necesario que o plan se aprobe para contar cos recursos necesarios para potencialas e dalas a coñecer”.
Os eixos ou retos que se propón a Mancomunidade para os próximos 3 anos serían cinco:
EIXO 1. Gobernanza colaborativa coa que fortalecer a capacidade operativa da Mancomunidade para a xestión do xeodestino e deste plan así como a coordinación cos diferentes Concellos e oficinas de turismo.
EIXO 2. Crecemento sostible para aproveitar os recursos mediante a renovación e creación de equipamentos e produtos turísticos seguros, innovadores e singulares. Atraer e fidelizar a determinados nichos de mercado ás zonas de interior, a través do deseño e promoción de actividades/recursos de turismo cultural, turismo activo, ecoturismo, turismo gastronómico, agroturismo, xeoturismo e aviturismo para combater a desestacionalización e a saturación dalgúns puntos de interese turísticos.
EIXO 3. Transformación competitiva: facilitar a transformación dixital, dotando ao sector público das ferramentas tecnolóxicas necesarias para mellorar a eficacia na atención ao cliente en destino, a xestión de datos, a promoción turística, e a comercialización dos produtos turísticos.
EIXO 4. Espazo turístico, empresas e persoas: sensibilizar e concienciar a residentes, visitantes, organismos públicos, e empresas turísticas sobre a necesidade de reconducir o turismo cara un modelo que reduza os impactos negativos e maximice os beneficios socio-culturais, ambientais e económicos no destino.
EIXO 5. Produto, márketing e intelixencia turística: promocionar e comercializar o destino dunha forma responsable para frear a perda de poboación no medio rural, aumentar o seu nivel socioeconómico e mellorar o equilibrio territorial neste territorio.
O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, agarda poder contar co financiamento necesario para poder levar adiante este plan “tan necesario para A Mariña e para o seu sector turístico neste momento”.