A Mancomunidade entregou cen diplomas do plan de emprego

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
1 Nov 2019

A Mancomunidade de Concellos da Mariña entregou os diplomas aos cen participantes no segundo Plan Integrado de Emprego, que veu desenvolvendo dende finais de 2018. No programa participaron dez Concellos e o presidente da Mancomunidade, Alfredo Llano, destacou o seu éxito xa que 35 persoas lograron un traballo e dúas montaron o seu propio negocio. 

Alfredo Llano contou que “entregamos diplomas a cen persoas que participaron no Programa Integrado de Emprego que organizou a Mancomunidade de Concellos da Mariña. Este é o segundo plan que organiza a Mancomunidade, e pensamos que é un éxito extraordinario e unha boa forma de favorecer que moita xente atope traballo ou polo menos se prepare para atopalo”.

O presidente da Mancomunidade dixo que “nesta ocasión houbo cen participantes para a mellora ocupacional e inserción laboral, e foi dirixido case exclusivamente a colectivos de baixa cualificación ou difícil inserción laboral. Desenvolveuse dende finais de 2018 ata hoxe, que rematou coa entrega de diplomas. Houbo dez concellos que participaron, da Mariña oriental foron: A Pontenova, Ribadeo, Barreiros e Riotorto; da Mariña central: Alfoz, Burela, Foz e O Valadouro; e da Mariña Occidental: O Vicedo e Viveiro”.

Llano explicou que “se impartiron módulos transversais e, sobre todo, a formación específica centrada nos sectores agrarios e de servizos, con cinco especialidades diferentes. Hai que destacar que houbo, en formación específica, cursos de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes que foron 280 horas, cursos de agricultura ecolóxica con 280 horas, cursos de operacións auxiliares en conservación e mellora de montes con 280 horas, cursos de operacións básicas de restaurantes e bar con 280 horas e cursos de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais con certificado de profesionalidade que foron 468 horas. Cubríronse todas as prazas para facer esta formación específica e, unha vez rematada, os participantes fixeron 80 horas de prácticas profesionais, que foi algo novidoso e bo para fortalecer este programa”.

O presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña declarou que “a obriga nosa era facilitar a inserción laboral a 35 persoas e conseguiuse unha inserción por conta allea de 34 persoas, e dúas delas crearon dúas empresas mentres estaban facendo o programa. Pensamos que na Mariña cumprimos perfectamente os obxectivos e a verdade é que houbo xente detrás que traballou moi ben e con moito rigor. Os títulos que se dan hoxe son realmente merecidos e traballados, así que imos procurar seguir con estes temas na Mancomunidade porque a evidencia nos di que é positivo e ademais a xente que participa sae moi satisfeita”.

0.18798089027405