Unha manifestación de Alcoa tomou as rúas de Lugo
O comité de empresa de Alcoa en San Cibrao manifestouse en Lugo para reclamar un prezo xusto que favoreza a continuidade da planta de aluminio.
Os traballadores reuníronse fronte á estación de autobuses de Lugo e remataron a súa protesta diante da Deputación.
A ela, sumáronse moitos traballadores, veciños e alcaldes como os de Xove e Cervo, nunha mostra de apoio máis aos afectados de Alcoa e ás súas familias, moitas delas veciñas dos municipios.
Os alcaldes de ambos concellos piden ao Goberno do Estado que cumpra as súas promesas e estableza as condicións necesarias para que o prezo da enerxía se sitúe na contorna dos 35 euros que posibilitarían seguir fabricando aluminio en España.
"Non entendemos como o presidente do Goberno veu onte a un mitin a Santiago e non trouxo unha solución ao grave problema no que se atopa a nosa industria. Só trouxo promesas baleiras, igual que xa fixera na véspera das eleccións xerais, tratando de rabuñar uns votos mentres a nosa industria está agonizando" rematan os rexidores.
DEPUTACIÓN
O Goberno da Deputación de Lugo apoia as alegacións que esta presentou o Comité de Empresa de Alcoa ao Estatuto Electrointensivo no Rexistro da Deputación Provincial. Así o manifestou o presidente, José Tomé Roca, logo de reunirse con membros do comité esta mañá no Pazo de San Marcos. “Nos apoiamos as súas reivindicacións, queremos que siga aberta a planta de Alcoa en San Cibrao e que continúen os postos de traballo. Estamos facendo todas as xestións que son posibles co Goberno Central para que o Estatuto se modifique”, subliñou.
Tomé Roca lembrou que “unha vez remate este prazo de alegacións ábrese un período de negociacións onde existe a posibilidade de modificar o Estatuto, eu agardo que se chegue a unha solución para que Alcoa sexa viable e que siga funcionando como ata agora na Mariña lucense”.
Así mesmo, José Tomé compartiu a opinión do presidente do Principado de Asturias, Adrián Barbón, con respecto a esta cuestión e reafirmou que agora “toca unha negociación discreta, onde hai que sentarse cos traballadores, coa empresa e coas Comunidades Autónomas para chegar a un acordo dentro das posibilidades que hai na Unión Europea”.
A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, tamén recibiu aos representantes do comité de empesa de Alcoa e da Plataforma de Empresas Auxiliares que se manifestaron en Lugo para reclamar ao goberno do Estado un estatuto electrointensivo que garanta a continuidade do emprego que xera a factoría de San Cibrao.
Maite Ferreiro coincidiu cos traballadores en que o texto presentado o pasado 10 de febreiro non é suficiente para asegurar a estabilidade da actividade das industrias electrointensivas e do mantemento do emprego e avogou por un marco enerxético que facilite que Galicia aproveite a súa condición de país excedentario en produción de enerxía.
Así mesmo, a vicepresidenta comprometeuse a apoiar as demandas dos traballadores nas iniciativas que se debatan na Deputación de Lugo.