A Mariña Central conta cun novo servizo de asesoramento socio-laboral de man da Deputación e do Colexio de Graduados Sociais

TerraChaXa | AMariñaXa
O Colexio Oficial de Graduados Sociais de Lugo acaba de estear un novo Servizo de Asesoramento e Información Socio-laboral, mediante unha fórmula pioneira en España, ao desenvolverse co apoio institucional da Deputación Provincial de Lugo.
11 Abr 2019

O Colexio Oficial de Graduados Sociais de Lugo acaba de estear un novo Servizo de Asesoramento e Información Socio-laboral, mediante unha fórmula pioneira en España, ao desenvolverse co apoio institucional da Deputación Provincial de Lugo. O compromiso da institución provincial pola “Xustiza Social”, lema que preside a actividade do Colexio de Graduados, fixo posible o desenvolvemento deste proxecto, que se presentou o pasado mes de marzo na sede do colexio, coa presencia da alcaldesa de Lugo e deputados provinciais.

Tras iniciar a pasada semana en Viveiro a rolda de reunións con representantes municipais de toda a provincia, hoxe tocoulle a quenda a Mondoñedo, onde se celebrou un encontro co obxectivo de informar aos técnicos municipais da comarca da Mariña Central de xeito que os responsables dos servizos sociais e de desenvolvemento local e emprego coñezan o funcionamento deste novo servizo e podan derivar aos seus usuarios que precisen dunha atención especializada e non dispoñan de recursos para afrontar o seu coste. Ao encontro acudiron representantes de diversos municipios da mariña luguesa. Na reunión, que se desenvolverá en todas as comarcas durante as próximas datas, os técnicos do Colexio de Graduados e da Deputación explicaron aos participantes a mecanica deste servizo, deseñado para ofrecer un acceso áxil e rápido, no que os interesados só teñen que solicitar unha cita, indicando cal é a súa zona, e expoñer o motivo da consulta, ou ben canalizarse a través dos Servizos Sociais do seu municipio. Posteriormente recibirán o asesoramento directo dun profesional experto nun corto prazo.

O Colexio de Graduados Sociais de Lugo creou este servizo tras detectar a necesidade de numerosos traballadores e mesmo pequenas empresas, que debido á crise atópanse en situación vulnerable e con escasos medios para acceder a asesoramento especializado nas materias que máis lles preocupan. Este servizo, de balde para os usuarios e usuarias, ofrécelles a estes cidadáns un soporte no que podan asesorarse sobre as directrices á hora de xestionar as súas cuestións laborais e sobre dereitos ou coberturas sociais, así como trámites e xestións, a través de profesionais expertos nestas materias, como son os graduados sociais.

O Colexio de Graduados Sociais de Lugo conta con 95 colexiados expertos en Dereito do Traballo e da Seguridade Social, que neste momento son exercentes libres, e contan con despachos en toda a provincia nos que asesoran a diario ao 80% das Pemes e representan tecnicamente ante os Xulgados do Social e Tribunais Superiores de Xustiza a traballadores, pensionistas e empresas.

Entre as cuestións que se poden consultar figuran xestións relacionadas con estranxeiría ou outras materias sobre prestacións da Seguridade Social, relacións e conflitos laborais. Desde pensións de xubilación, invalidez, non contributivas, etc, ata prestacións por desemprego, reclamacións salariais ou despidos. Ademais, o Colexio abre este servizo a colectivos como emprendedores novos ou senior que queiran abrirse camiño no autoemprego e carezan de medios para acceder a un asesoramento de calidade. Neste sentido, sinalábase na presentación que o proxecto pretende cubrir unha parcela que non poden abarcar no seu conxunto os servizos sociais, que é a atención integral, abranguendo o aspecto laboral ademais do social. Citan como exemplo o dunha persoa que queda en paro e non ten dereito a axudas sociais pero si pode ter dereito a unha prestación por desemprego. Neses casos, explica, necesitará tamén o apoio de expertos en xestións deste tipo para poder canalizar a solicitude o ou ver cales son as súas opcións.

0.092140913009644