A Mariña soportaría o 70% do impacto económico en Galicia do posible recorte nas cotas de pescada para 2020
A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, lamentou a proposta de totais admisibles de capturas (TAC) e cotas presentada por Bruxelas para 2020 en especies como a pescada posto que tería un importante impacto na economía galega e especialmente na Mariña lucense, que podería ter que soportar arredor do 70% do total do impacto económico que esta medida tería en Galicia. No caso deste recurso, explicou a representante da Consellería do Mar durante a apertura do I Congreso Nacional de Artes de Pesca, só na economía lucense a perda de ingresos roldaría os 40 millóns de euros, segundo un estudo elaborado polo Executivo galego e que a titular de Mar, Rosa Quintana, xa lle entregou tanto ao Goberno central como á Comisión Europea de cara á negociación dos TAC e cotas que se celebrará a próxima semana en Bruxelas.
A pescada é unha das especies máis importantes para a frota e os portos lucenses e a redución de cotas proposta polo Executivo comunitario -un 20% de media entre augas do Cantábrico Noroeste e Gran Sol- suporía unha baixada nos ingresos dos barcos con porto base na Mariña de 11,3 millóns de euros, unha cifra que sobe ata os 16,3 millóns contando todas as descargas desta especie nas lonxas da Mariña, independentemente do porto base que teñan os buques que realizaron esas capturas. De feito, a frota lucense sufriría o 75% da perda de ingresos do conxunto dos barcos galegos na pescada (que ascende a 15 millóns de euros) e o 71% da caída na facturación do total das lonxas galegas (cifrado en case 23 millóns de euros).
Esta perda de ingresos directa sumada á influencia que o sector pesqueiro ten noutras ramas de actividade da economía elevaría o impacto a 38,3 millóns de euros no conxunto da economía mariñá. Por ese motivo, Mercedes Rodríguez cualificou de excesiva e inasumible esa proposta de recorte de Bruxelas e lembrou que Galicia sempre defendeu e defenderá que a xestión das pesqueiras debe buscar o equilibrio entre os aspectos medioambientais, sociais e económicos. Ese informe recolle ademais que a rebaixa proposta afectaría a máis dun milleiro de tripulantes da frota lucense que captura pescada e tería un impacto de 4,2 millóns de euros nos seus salarios, unha media de case 4.200 euros por tripulante. Ademais, Mercedes Rodríguez tamén sinalou que esta rebaixa podería supor unha perda indirecta de case 6,5 millóns de euros para os provedores de servizos aos barcos afectados, como subministradores de gasóleo, xeo ou víveres, entre outros.
Para evitar este escenario, incidiu a representante da Consellería do Mar, a comunidade autónoma está a traballar con argumentos científicos e técnicos sólidos. Ao informe sobre a pescada súmase outro sobre o xurelo -para o que Bruxelas propón rebaixar as posibilidades de pesca unha media do 48% entre augas do Cantábrico e ao sur de Fisterra- e que eleva o impacto na economía galega a preto de 90 millóns de euros.
A directora xeral de Pesca lembrou o esforzo feito polo sector nos últimos anos e explicou que o Executivo galego levará a Bruxelas da man do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación -Galicia representará novamente ás comunidades autónomas españolas no Consello de Ministros de Pesca da próxima semana- tanto estes dous informes da pescada e do xurelo como outro do estado da cigala no Cantábrico Noroeste, no que participou a OPP07 de Lugo, e un cuarto sobre os prexuízos que causa no palangre galego a non extensión a todas as frotas mundiais da norma que prohibe o cercenamento das aletas aos tiburóns, problemática que afecta especialmente á frota lucense, unha das máis numerosas nesta modalidade.
Ademais, Galicia defenderá a importancia de manter a bolsa de especies con TAC cero para facer fronte á obriga de desembarque que entrou en vigor este ano e incidirá na transcendencia de pechar un acordo pesqueiro co Reino Unido ante o brexit para manter o statu quo en canto ao acceso mutuo ás augas e aos mercados.
O I Congreso Nacional de Artes de Pesca
Este encontro, organizado pola Fundación Expomar e que se celebra estes días en Burela, ten como obxectivo poñer en valor as artes de pesca que están en perigo de desaparición e favorecer o intercambio de coñecementos sobre as artes existentes noutros territorios da xeografía nacional. No evento participan diferentes expertos para debater sobre as artes de pesca, as posibilidades de crecemento do sector pesqueiro ou a innovación neste eido, entre outros asuntos. Mercedes Rodríguez felicitou a Expomar pola organización deste congreso e desexou que sume moitas máis edicións no futuro posto que o intercambio de ideas entre os profesionais do sector é fundamental para que esta actividade medre.