A matrona Benita Martínez será a pregoeira das festas de Vilalba

TerraChaXa
O Concello de Vilalba anuncia que a matrona Benita Martínez García será a pregoeira das festas de San Ramón e Santa María 2022.
BENI MARTINEZ PREGOEIRA FESTAS VILALBA PORTADA
18 Xul 2022

O Concello de Vilalba anuncia que a matrona Benita Martínez García será a pregoeira das festas de San Ramón e Santa María 2022, que se celebran o vindeiro mes de agosto.

Benita, “Beni”, traballa en Vilalba dende hai 15 anos como matrona no centro de saúde do municipio. Nel, esta enfermeira atende a mulleres de seis municipios (Abadín, Cospeito, Guitiriz, Muras, Xermade e Vilalba). Esta profesional supón polo tanto un referente na saúde feminina e na saúde sexual, cunha longa traxectoria nestes eidos.

O seu traballo como matrona comeza na adolescencia, pasando pola anticoncepción, embarazos, lactancia, atención ao recén nacido, entre outras etapas. Pero o seu labor continúa ata despois da menopausa, con pacientes que mesmo superan os 90 anos.

A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, anunciou a elección do concello como “un paso adiante na visibilización das mulleres que desempeñan profesións moitas veces pouco recoñecidas pero moi importantes, vitais, como é o caso de Beni, unha profesional comprometida co seu oficio, pola que pasaron moitas mulleres e familias deste pobo e á que lle temos moito que agradecer”

Tamén a través da súa figura “facemos un recoñecemento público a todo o sector sanitario que vén de pasar unha época moi dura por mor da pandemia da Covid-19”.

Longa traxectoria no ámbito sanitario

Asemade, tamén imparte actividades relacionadas coa maternidade, como clases postparto ou de educación maternal. Ademais, a matrona formou parte de diferentes asociacións do sector, como a Asociación Galega de Matronas, a Federación de Asociaciones de Matronas de España (FAME) ou a Iniciativa para la Humanización del Nacimiento y Apoyo a la lactancia materna (IHAN). Por último, é socia fundadora do grupo de apoio á lactancia materna Bico de Leite da Mariña.

Tamén exerce de sexóloga dende o ano 2000 e forma parte do comité organizador das Xornadas de Saúde Perinatal, organizadas polo SERGAS para a formación de profesionais.

O Cncello de Vilaba continúa así anunciando os detalles das Festas de San Ramón e Santa María, logo de que a pasada semana se presentara o deseño gañador do concurso para elaborar o cartel destas festas, sendo escollida a proposta de Cristobal Aguiló Domínguez.  Nos vindeiros días iranse avanzando máis novas respecto ás festas patronais.

0.18622899055481