A medalla de ouro de Franco segue sementando a polémica en Mondoñedo

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
Elena Candia non incluíu na orde do día a moción presentada polo BNG tres semanas antes da celebración do Pleno na que se pedía a retirada da medalla de ouro da cidade a Francisco Franco Baamonde e xustificou a non inclusión da iniciativa como un dos puntos a tratar porque estaban investigando a exactitude das afirmacións do BNG expresadas na moción.
5 Feb 2020

Elena Candia non incluíu na orde do día a moción presentada polo BNG tres semanas antes da celebración do Pleno na que se pedía a retirada da medalla de ouro da cidade a Francisco Franco Baamonde e xustificou a non inclusión da iniciativa como un dos puntos a tratar porque estaban investigando a exactitude das afirmacións do BNG expresadas na moción.

Eloi Cabanas, voceiro do BNG no Concello, volveu a presentar a moción por vía de urxencia manifestando, que se a alcaldesa ten dúbidas do que afirma o BNG que vaia ás actas de Pleno do 30 de abril do ano 1949 e do 21 xaneiro do 1958 onde primeiro se acorda por unanimidade da corporación a concesión da primeira Medalla de Ouro da cidade a Francisco Franco Baamonde e logo nove anos despois ratifícase o mantemento da distinción outorgada nun regulamento de Honores e Distincións a probado polo Pleno do concello.

A urxencia foi denegada, segundo o goberno popular, aínda non tiñan claro que Franco recibira a distinción e anunciaron que no caso de confirmarse que o galardón fora efectivamente concedido, a alcaldesa presentaría máis adiante unha proposta de acordo ao Pleno para a retirada da medalla de ouro ao ditador. 

O edil do BNG tamén apuntou que unha semana antes da celebración do Pleno presentou na secretaría do concello una copia dunha portada de prensa da época onde se informaba que o alcalde de Mondoñedo o 16 se setembro do 1958 fixera entrega da Medalla de Ouro da cidade ao Xefe do Estado no Pazo de Meirás, “ a corporación de Mondoñedo foi a que lle concedeu os honores a Franco e é a corporación actual a que llos debe retirar”. 

O BNG sorpréndese que con todos estes datos a alcaldesa non teña aínda claro a veracidade dos feitos, “pedímoslle ao goberno que non adíe máis no tempo este xesto de normalidade democrática e que nos desfagamos canto antes desta sombra do pasado”.

O pasado venres tampouco saíu a diante a moción do BNG para pechar pola noite o cemiterio vello. Cabanas manifestou que se o concello quere seguir promocionando o camposanto como atractivo cultural e turístico o goberno debe tomar canto antes medidas oportunas para a súa conservación, “a experiencia demostra que desde o ano 2005, cando remataron as obras de reforma, telo aberto en todo momento non garante para nada a súa protección”.

Para os populares, segundo informa o voceiro nacionalista, pechar pola noite o cemiterio desvirtúa o concepto de parque no que foi transformado o espazo fai quince anos e entenden que poñerlle de novo as portas, “non é a liña de traballo a seguir para protexer o patrimonio” e ven outro tipo de medidas para corrixir as conductas incívicas no interior do lugar como son a instalación de cámaras de seguridade ou campañas de concienciación, solucións que o BNG considera que poden ser medidas complementarias pero nunca definitivas. 

0.13694500923157