A mellora da clasificación microbiolóxica de sete zonas de produción marisqueira facilitará o traballo

TerraChaXa | LugoXa
A mellora dos resultados obtidos nos controis que realiza periodicamente o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), dependente da Consellería do Mar, nas zonas de produción marisqueira permitiu que desde a semana pasada sete desas zonas de produción mellorasen a súa clasificación microbiolóxica, o que facilita o labor do sector.
14 Dec 2019

A mellora dos resultados obtidos nos controis que realiza periodicamente o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), dependente da Consellería do Mar, nas zonas de produción marisqueira permitiu que desde a semana pasada sete desas zonas de produción mellorasen a súa clasificación microbiolóxica, o que facilita o labor do sector. 

As análises realizadas nestas áreas de traballo revelaron de xeito continuado menores niveis de contaminación pola bacteria E. Coli que na súa anterior clasificación, o que permitiu cambiar a súa catalogación mediante unha resolución publicada polo Intecmar o pasado xoves. As melloras supoñen que dúas zonas que tiñan clasificación B -os produtos extraídos delas tiñan que pasar por un proceso de depuración previo á súa venda- pasan a ser zonas A, polo que o marisco pode ser comercializado directamente sempre a través dun centro de expedición. Mentres, outras cinco zonas catalogadas como C -polo que o produto tiña que pasar pola depuración natural mediante reinstalación en batea- ou B/C estacional, pasan a ser zona B, co que o marisco extraído delas poderá comercializarse directamente previo paso por unha depuradora.

Estes cambios, froito da mellora da calidade das augas, facilitarán o traballo dos mariscadores ao reducir ou eliminar os prazos de depuración dos produtos extraídos e deberían redundar nun mellor prezo das súas capturas en lonxa.

As zonas que pasan de estar clasificadas como B a ser zona A son a parte media da ría do Barqueiro, en Lugo, e a enseada de Meloxo, na ría de Arousa, mentres que na ría arousá están outras dúas das cinco zonas que melloran de C a B. Unha delas é a do saco de Fefiñáns, en Cambados, que antes era C e agora pasa a ser B, e a outra é a coñecida como Entre canos, tamén en Cambados, que ata agora era B/C estacional -sendo C entre novembro e xuño- e que pasa a ser B todo o ano.

As outras melloras de clasificación das zonas de produción correspóndense co banco da Comboa, na ría de Ortigueira, coa enseada de Caranza, en Ferrol, e coa parte media do esteiro do río Mandeo. Estas tres áreas de traballo pasaron de estar catalogadas como zonas C a ser zona B, co que o produto extraído só ten que pasar por unha depuradora antes da súa comercialización.  

O traballo de seguimento constante dos bancos marisqueiros que fai a Xunta a través do Intecmar permite coñecer o seu estado e ver o xeito de mellorar a súa produción polo que estas melloras na clasificación son froito en moitos casos de labores para rexenerar os bancos marisqueiros e actuacións para mellorar o saneamento das rías.

Estas melloras facilitarán o traballo dos profesionais do marisqueo das zonas afectadas e súmanse ás 27 zonas que melloraron a súa clasificación entre abril de 2009 e xullo deste ano, concretamente en 20 bancos marisqueiros e sete viveiros flotantes con incidencia en máis de 12 quilómetros cadrados de bancos marisqueiros e 740 bateas.

As análises realizadas polo Intecmar tamén constataron o empeoramento de dúas zonas de produción marisqueira, a enseada de Fisterra e a enseada de Bañobre. A primeira delas posou de ser A estacional (era B no mes de agosto) a ser B todo o ano e a segunda pasou de ser B a ser B de novembro a abril e C de maio a outubro. A elas súmanse os polígonos A Pobra A-B, unha zona de cultivo en viveiros que pasa de ser A a B.

0.18564295768738