A Mesa Local contra a Violencia de Xénero das Pontes analiza a situación dos colectivos vulnerables

TerraChaXa
Este venres 5 A Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero (MLCI) do Concello das Pontes volveu reunirse na Casa Dopeso.
12 Dec 2023

Este venres 5 A Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero (MLCI) do Concello das Pontes volveu reunirse na Casa Dopeso. A cita contou coa participación de distintas administracións e servizos públicos con competencias de prevención, detección e intervención ante as violencias de xénero que a conforman.

Nesta ocasión, tras poñer en común os avances e análise da situación das violencias de xénero no municipio, deuse paso a valorar a campaña no marco do Día Internacional pola Eliminación das Violencias contra as Mulleres. Esta campaña municipal celebrada ao longo dos meses de novembro e decembro do corrente ano cuxo lema é “Non as fagas invisibles. AFINA A MIRADA” buscou reflectir e concienciar sobre a realidade que viven moitas mulleres en situación de violencia de xénero no ámbito da parella.

Este colectivo, pola súa condición de migradas, por idade avanzada ou por presentar unha discapacidade, ademais, teñen que facer fronte a unha serie de obstáculos específicos. Obstáculos que reducen as súas posibilidades de saír do ciclo de violencia e incrementan a probabilidade de que a violencia se repita e se agrave ao longo do tempo.

Neste senso, Tania Pardo, concelleira de benestar social e igualdade, destacou que o foco da campaña é resultado dos temas e debates que xorden nas xuntanzas desta Mesa de Coordinación e da Rede pola Igualdade. Espazos no que as institucións e a cidadanía reflexionan sobre as necesidades e propostas ao redor da violencias de xénero e igualdade no municipio, revelando a importancia destes espazos como motores de iniciativas como foi a campaña deste ano.

Campaña realista

As entidades asistentes incidiron que a campaña resultou ser moi innovadora traendo variedade de accións e materiais como vídeo, actividades dirixidas ás mulleres, folletos informativos, recital poético e puntos violetas, obra de teatro, que chegaron a moita xente. Ademais, destacaron que a mensaxe proporcionada pola campaña era realista, clara e reflectía coherencia, sendo adecuado para estes momentos.

Froito desta reunión, indicouse a importancia de seguir a afondar sobre as violencias exercidas sobre estes colectivos máis vulnerables, así como en buscar romper as barreiras que impiden a cidadanía de coñecer e acceder aos medios e recursos institucionais en materia de violencia de xénero.

0.20144104957581