A meteoroloxía afecta a varias programacións das Cabalgatas de Reis
A carroza dos Reis Magos desfilou esta mañá polas rúas de Parga e de Guitiriz, facendo un percorrido por algunhas das zonas máis destacadas do concello.
As Súas Maxestades de Oriente saíron desde o CIT de Parga ás 11:00 horas, percorrendo as rúas da parroquia, e posteriormente desde Ponteveiga ás 12:00 horas, para facer o propio polas rúas de Guitiriz.
Os nenos e nenas do concello puideron gozar da súa visita e compartir cos Reis Magos uns intres máxicos que poderán repetir na xornada de mañá, domingo 5 de xaneiro, cando terá lugar o recibimento formal aos Reis no Pavillón Municipal Jonathan Carro Paz.
Esta, que será a segunda das actividades organizadas polo Concello de Guitiriz e a Asociación Xermolos para celebrar o Día de Reis, está programada a partir das 17:30 horas. A cita estará animada pola música de Bloquinho de Xermolos, Na Casa Zoqueiro, Caivanca e da Escola de Música Tradicional de Xermolos, e haberá chocolate para todos os asistentes.
AS PONTES
Na localidade das Pontes só as súas Maxestades Reais participarán na Cabalgata. Esta dará comezo ás 18:00 horas desde a avenida Monte Caxado, despois transcorrerá pola avenida de Ortigueira, rúa Castelao, Praza do Hospital, para acabar no Cine Alovi, onde as SSMM os Reis Magos de Oriente serán recibidos polo alcalde das Pontes e recollerán as cartas e peticións da rapazada da vila. As portas do Cine Alovi abriranse a partir das 18:30 para a recepción real.
BEGONTE
Non haberá Cabalgata como tal en Begonte. Melchor, Gaspar e Baltasar estarán a partir das 17.00 horas no Pavillón Municipal de Begonte para entregar os agasallos. Antes visitarán o belén de Begonte. Será obrigatorio traer a tarxeta que vos enviaron as súas maxestades.
VILALBA
A celebración da Cabalgata en Vilalba está aínda sen decidir, e tomarase a decisión na mañá do domingo. Se esta non se celebra os nenos non quedarán sen visitar aos Rei Magos, xa que estes estarán no Auditorio para atendelos a todos. Haberá tres quendas para os que desexen participar e haberá que facelo con entrada para evitar aglomeracións.
No resto de vilas optarase máis pola fórmula das festas evitando os paseos polo exterior e nos que aínda non se anularon tomaranse as decisións segundo se presenten as condicións climáticas.