A mindoniense Marina Mayoral recibiu o galardón do IX Premio Voz de Liberdade

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
A escritora e profesora mindoniense Marina Mayoral recibiu o galardón do IX Premio Voz de Liberdade, consistente nunha peza orixinal de Acisclo Manzano.
3 Dec 2019

A escritora e profesora mindoniense Marina Mayoral recibiu o galardón do IX Premio Voz de Liberdade, consistente nunha peza orixinal de Acisclo Manzano. Fíxoo nun acto celebrado na Biblioteca de Galicia e guiado polo escritor e profesor Xosé Ramón Pena, que incluíu unha mesa redonda coa premiada e o presidente do Centro PEN Galicia, Luís Gonzalez Tosar. O premio recoñece desde 2003 aos autores que ao longo da súa vida teñan sobresaído na defensa da liberdade de expresión e opinión.

O xurado desta edición estivo composto por Luís González Tosar, Ánxela Gracián, Bieito Iglesias, Xabier Castro Martínez, Inma López Silva, Pablo Rubén Eiré, Luis Menéndez, Xosé Ramón Pena e Manuel Guede, que na súa resolución puxeron de manifesto a gran valía da obra literaria da escritora, así como as súas achegas sobre Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán ou Valle-Inclán e, "sobre todo, a súa constante defensa do dereito de expresión e de opinión e a reivindicación do papel da muller no ámbito da literatura e na sociedade en xeral".

Ao fío do exposto polo xurado, Román Rodríguez agradeceulle á autora “o traballo realizado nas últimas décadas en prol dun mundo máis digno, respectuoso e plural, máis aló de posturas cómodas, modas ou tendencias”. E destacou que, con este recoñecemento, Mayoral se une “a unha pléiade de grandes persoeiros da cultura galega” como son Bernardino Graña, Úrsula Heinze, Francisco Fernández del Riego, Isaac Díaz Pardo, Mª Xosé Queizán, Salvador García-Bodaño, Arcadio López-Casanova e Xosé Luís Méndez Ferrín.

 

0.1997971534729