A mocidade de Guitiriz celebrará a súa gran festa o 17 de abril con música, churrasco e espectáculo

O Campo da Feira de Guitiriz acollerá este Xoves Santo, 17 de abril, a tradicional Festa da Xuventude, organizada pola Comisión de Festas San Xoán 2025. A cita contará cunha carpa para garantir o bo ambiente sen importar o tempo.
A programación arrincará ás 14:00 horas coa sesión vermú e tardeo, amenizada polo DJ David Expósito, quen será o encargado de poñer a música nos primeiros compases da xornada.
Ás 20:00 horas, o protagonismo será para o padal co inicio da Gran Churrascada, onde se poderá degustar unha ración de churrasco, chourizo e pan por 12 euros.
A festa alcanzará o seu punto álxido ás 23:00 horas cun gran espectáculo de luz e son, a cargo de Renovation Experience, unha posta en escena que promete non deixar indiferente a ninguén.
Ademais, á 00:30 horas, celebrarase un gran sorteo dunha fin de semana en Portugal, engadindo un aliciente extra para todas as persoas asistentes.
O evento conta coa colaboración do Concello de Guitiriz, Espectáculos Prado, Bar Porto e Santander Axentes Guitiriz.