A Moexmu 2026 reunirá o maior número de cabezas de gando ata a data

TerraChaXa
A Feira Multisectorial, que se celebrará esta fin de semana, contará con numerosas actividades para todas as idades durante os tres días que dura
presentacion-moexmu-2026
6 Apr 2026

O recinto feiral Manuel Vila López acolleu este luns a presentación da XLII edición da Moexmu, que se celebrará a fin de semana do 10 ao 12 de abril adiada por mor da Semana Santa.

No acto estivo o delegado da Xunta, Javier Arias; a deputada provincial Marisol Morandeira; o alcalde de Cospeito, Armando Castosa; o xerente da Moexmu, José Manuel Rus, e membros da comisión organizadora.

Nesta presentación quedou claro que Muimenta volverá ser a capital do agro na XLII edición da Mostra Exposición, o XL Concurso de Gando Frisón, o XXXIV Concurso Autonómico de Gando, a XL Exposición da Gando de Raza Rubia Galega e a XXX Poxa de Gando Selecto, ademais do V Concurso de Xóvenes Peladores, o XXV Concurso de Xóvenes Manexadores e o VIII Monográfico do Can de Palleiro.

O acto de presentación tivo lugar no recinto feiral Manuel Vila López, onde se desenvolverá a cita, que abrirá as súas portas oficialmente este venres co pregón de César Álvarez, presidente da Feira de Mostras de Vegadeo, ás 19.30 horas. A Asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais, Gandeiros e Autónomos de Muimenta organiza esta cita, que, un ano máis, conta coa colaboración do Concello, a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia. Xa antes do pregón terá lugar o concurso de xóvenes preparadores de gando e a actuación de Asubíos da Chaira.

A feira multisectorial, que conta cunha importante presenza de gando, maquinaria agrícola e gandeira e artesanía abrirá as súas portas durante tres días, con especial protagonismo para as xornadas de sábado e domingo a partir das 9.00 horas cos concursos de gando, en xornadas de mañá e tarde. Este ano hai xa inscritas  para o Concurso de Gando Frisón 19 gandarías, tanto de Lugo (7) como de Pontevedra (4) e A Coruña (8). Son un total de 142 cabezas de gando (cun valor de 414.400 euros), o que suporá un novo récord para a feira, superando outros anos de grande afluencia como 2025, 2022, 2013, 2007 ou 2004.

O domingo será a vez dos concursos de manexadores, para a mocidade primeiro e para os adultos despois. Tamén será a quenda da poxa, prevista para arredor as 12.30 horas. Clausurarase oficialmente ás 14.30 horas, trala entrega de premios, pero a feira permanecerá aberta ata a noite. Completarase esa tarde o programa co Monográfico de Can de Palleiro, puntuable para o Campionato Galego.

Este ano o xuíz do concurso será Julián Rodríguez Pérez, que acude por primeira vez á Moexmu, e os premios para as 24 seccións dos concursos suman os 37.000 euros. E como novidade, este ano será a primeira vez que se poña en marcha o convenio suscrito o pasado mes de febreiro entre Africor Lugo e Caixa Rural Galega, polo que a entidade bancaria subvencionará con 200 euros a adquisición de cabezas de gando na poxa.

Ademais dos concursos, a Moexmu contará con moitas máis opcións nos máis de 27.000 metros cadrados de exposición, dos cales 17.400 serán ocupados por maquinaria nova e usada, un dato que se incrementa con relación ao ano pasado. Os postos estarán ocupados por artesanía popular, produtos galegos e xa están ao completo.

Haberá exposición de traxe tradicional do Centrad, así como demostracións de artesáns e música.

O delegado subliñou que a Moexmu funciona como “un dos grandes puntos de encontro do sector agrogandeiro de Galicia”, no que “gandeiros, profesionais, empresas e entidades do ramo teñen un espazo para compartir coñecemento, innovación e oportunidades de futuro”.

Valorou en especial a aposta por implicar á xente nova, xa que a súa incorporación ao agro representa “a mellor garantía de futuro para o noso rural”. Nese sentido, salientou as medidas da Consellería do Medio Rural para favorecer a remuda xeracional, cunha orde de axudas específica para o establecemento de persoas agriculturas mozas dotada con 23 millóns de euros. Arias lembrou que as axudas da actual convocatoria aínda poden solicitarse ata este xoves, 9 de abril.

Pola súa banda, a responsable provincial destacou que a Deputación de Lugo colabora anualmente con esta cita multisectorial, “que é un dos grandes puntos de encontro do noso sector primario”, cunha achega de 8.000 euros.

“Este é un evento que conecta o mellor da nosa tradición coa capacidade de innovar e adaptarnos aos novos tempos”, valorou a Deputada. Morandeira recoñeceu o traballo da organización, o seu esforzo e a súa “visión clara do que significa poñer en valor o noso sector gandeiro e agrícola”. Nese sentido, subliñou que na Deputación “temos moi claro que o sector primario non é só parte da nosa identidade, senón tamén unha peza clave do noso futuro”.

0.1316990852356