A Moexmu abre en Muimenta reivindicando o valor do rural e o traballo colectivo

A XLII edición da Moexmu arrancou en Muimenta coa inauguración oficial a cargo de César Álvarez, quen aproveitou o seu pregón para lanzar unha mensaxe clara en defensa do rural como motor de futuro e oportunidade. O acto serviu para dar inicio a unha das citas agrogandeiras máis consolidadas de Galicia, marcada pola implicación veciñal e a continuidade ao longo das décadas.
Durante a súa intervención, Álvarez puxo en valor o papel do territorio rural, destacando que non debe ser entendido como periferia, senón como parte esencial da solución aos retos actuais. Subliñou tamén a importancia de crear oportunidades que permitan ás persoas decidir o seu futuro sen verse obrigadas a abandonar o seu entorno, facendo fincapé no papel da educación e da colaboración colectiva.
LE O PREGÓN ÍNTEGRO NESTA LIGAZÓN
A inauguración contou tamén coa participación de representantes institucionais, que coincidiron en sinalar a relevancia da feira como punto de encontro para o sector agrogandeiro e como símbolo de identidade local. Neste sentido, destacouse o traballo continuado da organización e da veciñanza para manter viva unha cita que combina tradición, innovación e dinamización económica.
Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, aproveitou para reafirmar "o seu compromiso" cos produtores lácteos galegos ante a baixada do prezo en orixe por parte das industrias, unha baixada que cualificou de “inxustificada”. Neste senso, asegurou que desde a Consellería estanse revisando todos os contratos para certificar que non hai incumprimentos e así protexer os produtores. Explicou que calquera indicio de irregularidade que se detecte, tanto nos contratos como na entrada de leite doutros países, remitirase á Comisión Galega da Competencia e, no seu caso, ás autoridades nacionais deste mesmo ámbito, se é necesario.
A conselleira destacou no comezo desta nova edición da Moexmu o papel que desempeña como dinamizador económico e social para a comarca da Terra Chá. Asegurou que a súa celebración contribúe a xerar oportunidades, dinamiza negocios e dá vida ao territorio e, en definitiva, apoia á fixación de poboación.
O deputado de Medio Ambiente, Carlos López López, puxo en valor o papel desta cita como un espazo de referencia para o sector primario e como exemplo do dinamismo do rural lucense. “A Moexmu converteuse co paso dos anos nun reflexo moi fiel do que é o noso rural, onde se ve o traballo ben feito, o coidado polo detalle e o esforzo de tantas explotacións que sosteñen un sector esencial para a nosa provincia”, sinalou.
Destacou o deputado que esta feira representa un punto de encontro no que “tradición e innovación non compiten, senón que se complementan”, permitindo amosar o nivel do sector agrogandeiro e a súa capacidade de adaptación aos novos retos. Incidiu tamén na importancia do relevo xeracional, e agradeceu o labor da organización ao longo dos seus máis de 40 anos de historia.
A PROGRAMACIÓN
A programación da Moexmu inclúe diferentes concursos e exposicións gandeiras, entre eles o certame autonómico de gando frisón, que reúne máis dun cento de reses, así como a presenza doutras razas e actividades vinculadas ao sector. Ademais, a feira conta cun amplo espazo expositivo no que participan numerosos profesionais e empresas, converténdose nun escaparate de referencia.
Como novidade, hoxe de 11.30 a 14.00, un dos membros da Plataforma de Porcino de cría tradicional ofrecerá unha degustación gratuíta de xamón de produción propia ofrecendo o servizo como cortador de xamón. É o primeiro evento da acabada de crear plataforma no que se busca darlle visibilidade a este produto de alta calidade.
Este criador, que foi unha referencia na cría de Porco Celta en Asoporcel, sigue apostando por manter este tipo de raza e de sistema de cría tradicional en sistema semiextensivo e con alimentación natural de produción hortícola propia, tamén decide seguir apostanto por mostrar a calidade dos seus produtos.
CONSULTA TODA A PROGRAMACIÓN NESTA LIGAZÓN
O evento tamén presta especial atención á participación das novas xeracións, con iniciativas formativas e concursos dirixidos á mocidade, contribuíndo así á continuidade dun sector clave para o territorio. Ao longo da fin de semana, Muimenta convértese nun punto neurálxico da actividade agrogandeira, reforzando o seu papel como referente dentro e fóra de Galicia.