A Moexmu abre o prazo para inscribirse nos distintos concurso do evento

TerraChaXa
A edición de 2026 acollerá un amplo conxunto de eventos que amosan a diversidade e a tradición do sector primario
carteis-moexmu-2026
6 Feb 2026

A comisión organizadora da XLII edición da Mostra Exposición de Muimenta, Moexmu, continúa avanzando nos preparativos do certame e mantén activas as súas reunións de traballo co obxectivo de pechar nos vindeiros días o programa definitivo de actividades. A feira celebrarase os días 10, 11 e 12 de abril e volverá converter Muimenta nun referente do sector gandeiro e agropecuario galego.

Desde o pasado 1 de febreiro permanece aberto o prazo para a reserva de stands e parcelas destinadas aos expositores que desexen participar nesta nova edición. As solicitudes poden realizarse a través do enderezo electrónico moexmu@gmail.com
ou chamando ao teléfono 982 504 002, recomendándose contactar preferentemente en horario de tarde.

Do mesmo xeito, tamén se abriu o período de inscrición para o VIII Monográfico de Can de Palleiro, unha actividade que se consolida no programa da feira e que terá lugar na tarde do domingo 12 de abril no Recinto Feiral Manuel Vila de Muimenta. Este monográfico será puntuable para o XXXIV Trofeo Can de Palleiro do Ano 2026 en Galicia, e as persoas interesadas poden obter máis información ou formalizar a súa participación a través do correo candepalleiro@clubcandepalleiro.com.

A edición de 2026 da Moexmu acollerá un amplo conxunto de eventos que amosan a diversidade e a tradición do sector primario. Entre eles figuran a XLII Mostra Exposición de Muimenta, o XL Concurso de Gando Frisón, a XL Exposición de Gando de Raza Rubia Galega, a XXX Poxa de Gando Selecto, o XXV Concurso de Xóvenes Manexadores, o V Concurso de Xóvenes Peladores e o VIII Monográfico de Can de Palleiro.

Desde a organización destacan o esforzo colectivo que supón cada edición e animan tanto a expositores como ao público en xeral a participar nunha cita que combina tradición, profesionalización e promoción do rural, e que cada ano reforza o seu papel como un dos grandes eventos feirais de Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.078267097473145