A Moexmu acollerá en abril o XXXIV Concurso Autonómico de Gando Frisón

A comisión organizadora da XLII Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu) continúa coas súas reunións de traballo para ultimar os preparativos da cita que se celebrará os días 10, 11 e 12 de abril de 2026. Nesta nova edición desenvolveranse tamén o XL Concurso de Gando Frisón, a XL Exposición de Gando de Raza Rubia Galega e a XXX Poxa de Gando Selecto, consolidando o evento como unha das referencias máis importantes do sector gandeiro galego.
Esta nova convocatoria marca ademais o inicio da oitava rotación do grupo de empresarios e empresarias de Muimenta que se encargan da organización da feira, un sistema que garante a continuidade e a implicación da veciñanza na promoción do rural.
A xunta directiva de Fefriga confirmou que o Recinto Feiral Manuel Vila acollerá tamén o XXXIV Concurso Autonómico de Gando Frisón no mes de abril, coincidindo coa Moexmu. Trátase dun recoñecemento ao labor desenvolvido durante máis de catro décadas pola comunidade de Muimenta, especialmente polo seu tecido empresarial, que mantén vivo este escaparate do mellor gando e da actividade agropecuaria galega.
No vindeiro mes de outubro está prevista unha nova reunión entre Fefriga, a comisión organizadora e a xerencia da Moexmu para avanzar na coordinación das distintas actividades. Será a segunda ocasión en que a provincia de Lugo acolla este concurso autonómico, despois da exitosa edición celebrada tamén en Muimenta no ano 2022.
A organización da mostra conta coa colaboración do Concello de Cospeito, a Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia, Progrando, o Grupo Aresa, as cooperativas CLUN, Piensos Nanfor, así como de diversas entidades financeiras e empresas vinculadas ao sector gandeiro, que contribúen a reforzar o papel de Muimenta como punto de encontro clave para a promoción do rural galego.