A Moexmu cumpre hoxe 40 anos de historia viva

TerraChaXa
A primeira Moexmu inaugurouse un sábado, 6 de xullo de 1985 e este sábado, 6 de xullo festéxase realmente o aniversario xa que a edición XL xa foi en abril
recinto-moexmu-onte-e-hoxe
Imaxes da primeira e da última edición
6 Xul 2024

Por José Manuel Rus
Coordinador da Moexmu

O 6 de xullo de 1985, un grupo de veciñas e veciños puxeron a andar unha aventura, sen coñecer moi ben cal sería o seu resultado: a Mostra Exposición de Muimenta – Moexmu. Dende aquel día, ata hoxe, pasaron corenta edicións de vida da primeira feira mostras que, de estas características, se celebraba na provincia de Lugo, e que hoxe está consolidada no calendario de celebracións de Galicia e que foi gañadora da última edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural.

Nese ano, un grupo de veciños e veciñas, comeza a barallar a idea de organizar unha feira de mostras, con grande cabida, nun principio, para a artesanía e a maquinaria agrícola. As datas de celebración, fanse coincidir coas Festas Patronais de San Cristobo e Santa Mariña, a celebrar o primeiro fin de semana do mes de xullo. Como non existía ningún tipo de instalacións, vótase man de ideas, da imaxinación, da ilusión, así como da colaboración e do traballo de todos, e así, con xestas que se ían apañar polas tardes, prepáranse uns casetos no parque infantil que dan cabida aos expositores que acoden a Muimenta.

O espírito emprendedor da veciñanza do meu pobo, queda unha vez máis de manifesto, e tralo gran éxito recollido, decídese seguir adiante coa iniciativa e, a partir do ano 1987, organízase por primeira vez o concurso de gando frisón e a exposición de raza rubia galega. Deste xeito queríase potenciar e promocionar o principal motor socioeconómico da Comarca: a sector agrícola e gandeiro.

Créanse cinco comisións de empresarios, sistema que perdura a día de hoxe, aínda que ampliada a un total de seis. Oitenta e oito homes e dez mulleres formaron ou forman parte das mesmas ao longo destes anos.

O seguinte paso foi o logro dun recinto feiral propio, algo que se logra a principios da década dos noventa ao mercar a veciñanza, co diñeiro de venda dunha masa forestal, uns terreos onde se sitúa actualmente o Recinto Feiral da Moexmu, onde se celebra, por primeira vez a mostra, no ano 1991, dotándoa de naves, pavillóns, almacén, postos, ata un hórreo e oficinas.

No ano 1998 profesionalízase a feira cunha persoa que coordine as diferentes comisións organizadoras, ademais, constitúese ao seguinte ano, unha comisión de gandeiros que, xunto a Africor Lugo, colaboran na organización de concurso e exposición de gando frisón e rubio galego. Deles nace a idea da organización dunha poxa de gando selecto, con carácter anual, que se inicia no ano 1999 e se celebra dunha maneira parella á Moexmu.

Co novo século, comézase a barallar a idea de que a Moexmu modifique as súas datas de celebración. Tras moito debate e a punto de alcanzar a maioría de idade, tómase unha das decisións máis importantes ao longo destes anos, o cambio de data, pasando a celebrarse o primeiro fin de semana de abril, e que constituíu un punto de inflexión na nosa traxectoria.

O cambio foi todo un acerto, e marca un antes de un despois para a Moexmu. O Recinto Feiral Manuel Vila faise pequeno, e consolídase no mapa de celebracións de Galicia e do Norte Peninsular.

Grazas ao traballo destas edicións, no ano 2010, asínase un convenio de colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, acollemos probas puntuables para o Campionato Galego de Can de Palleiro e, no 2022, logramos, por primeira vez, organizar na provincia de Lugo, o Concurso Autonómico de Gando Frisón. Todo un logro para Muimenta, un pobo que non alcanza os oitocentos veciños.

A Moexmu, foi testemuña, en primeira persoa, da transformación que viviu o rural de Galicia e acompañamos aos gandeiros nesa revolución tecnolóxica: o número de ganderías que están abertas a día de hoxe, distan moito, en número, das existentes na década dos anos oitenta: agora son máis grandes, con maior número de cabezas, con mellor xenética, con maior produtividade.

Ao longo de estes anos, potenciamos actividades para o futuro do noso rural, como pode ser o concurso de xóvenes manexadores ou de peladores novos. Debemos seguir dándolles as novas xeneracións o noso apoio: gañas, traballo e forza non lles faltan.

A Mostra Exposición de Muimenta, organízase grazas á colaboración de todo un pobo, dos seus veciños e veciñas, ao igual que outras moitas actividades que foron xurdindo ao longo destes anos: Festa da Filloa, Xotramu, Festival do Pozomouro, Museo da Zoca, Área Recrativa “Ribas do Miño”… Exemplos de unión colectiva pola cal somos recoñecidos na nosa contorna.

Pero tamén queremos agradecer ao Concello de Cospeito, á Deputación Provincial de Lugo, á Xunta de Galicia, á U.S.C., a Africor Lugo, ao Grupo Aresa, Progando, Hermanos Falcón, aos gandeiros, aos expositores e a un sen fin de empresas privadas que colaboraron activamente, ao longo destas catro décadas, coa organización da Moexmu. Todos somos precisos e todos somos necesarios.

Queremos tamén lembrar que durante estes anos foron moitas as personalidades que acudiron á Moexmu para deleitarnos coas súas verbas nos seus pregóns, escritores como Ramón Piñeiro ou Xosé Trapero Pardo, xornalistas como Luis Fraga, Alfonso Hermida, Carmen Uz ou Paco Nieto, membros da comunidade universitaria como José Manuel Barreiro ou Antón Losada, e tamén relacionadas co sector primario, como José Mouriño Cuba, Manuel Cruz ou Carlota López Pardo.

Ao longo destas corenta edicións, inauguraron a Moexmu políticos como García Leira, Cacharro Pardo, Gómez Besteiro, Tomé Roca, Suárez Canal, Juárez Casado ou González Vázquez, participando, na clausura da edición do ano 1998, o Presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga Iribarne.

Sen lugar a dúbidas, neste pequeno resumo non collen as corenta edicións da Moexmu, e moitas cousas quedan sen comentar. Pero si queremos agradecer, como sempre, a vosa colaboración. A colaboración da xente.

O nome de Moexmu vai unido ao nome de Muimenta.

A Moexmu é o reusltado do traballo da veciñanza de Muimenta.
Cumprimoos Corenta edicións
Más vivos ca nunca!!!
Seguimos!!!

0.14119219779968