“A Moexmu é un evento con moito mérito e cita de referencia”

TerraChaXa
Ricardo José Durán Rodríguez, preogeiro da edición da feira, que comeza esta tarde coa lectura do pregón
ricardo-duran-presidente-semana-verde-pregoeiro-moexmu
4 Apr 2025

A XLI Moexmu de Muimenta, que se celebrará desde hoxe, venres e ata o domingo, contará cun pregoeiro de excepción, Ricardo José Durán Rodríguez. Este profesional, nado en Ferrol, é licenciado en Dereito pola Universidade da Coruña. Despois de supervisar durante 4 anos e medio (2009-2013) a Fundación Semana Verde de Galicia, pasou a dirixila en 2013.

A Moexmu, da que nos fala nesta entrevista o seu pregoeiro, contará cunha ampla programación que podes consultar en todo detalle na nova deste xornal.

Como recibe o nomeamento de pregoeiro da Moexmu?

Tanto para min como para a Fundación Semana Verde de Galicia, á que represento, é unha honra ser o pregoeiro da Moexmu, unha feira cunha ampla traxectoria e un gran recoñecemento por parte do sector. Dous factores que constatan a súa valía. Ademais, a miña participación supón una magnífica oportunidade para irmandar as dúas feira e crear sinerxías que sexan proveitosas para o sector. E para isto é unha vantaxe que ambas feiras teñamos as mesmas ganas de contribuír ao desenvolvemento, tecnificación e posta en valor do ámbito agropecuario.

Cal é a súa vinculación coa feira?

A verdade é que ata agora a vinculación era a admiración pola miña parte cara un evento tan exitoso nunha parroquia de menos de 800 habitantes, á cal acoden entre 7.000 e 10.000 persoas en cada edición da feira. Porén, agora non só estarei atento a todos os seus pasos, senón que dende a Fundación Semana Verde de Galicia estamos abertos a unha colaboración entre ambas entidades en aspectos que consideremos de interese tanto para a Moexmu como para a nosa Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro.

Como ve esta Feira sectorial de Muimenta? Cal pode ser o segredo do seu éxito?

Ademais dun evento con moito mérito é unha cita de referencia para o agro galego que segue superándose e cumprindo anos con moi boa saúde. Unha consideración que non é só miña, senón de miles de agricultores e gandeiros, como demostran os seus bos resultados e a súa afluencia de público. En canto á clave do seu éxito, creo que combina a tenacidade dos seus organizadores durante 40 anos cunha proposta de feira acorde aos intereses dos agricultores e gandeiros, que contan cun atractivo escaparate de produtos e servizos e cun valioso punto de encontro. E iso é o que todas as feiras deberían ofrecer.

Que lle achega a Moexmu ao panorama agrogandeiro galego?

O que achega este certame ao panorama agrogandeiro galego é precisamente o que acabo de comentar, un espazo en clave galega para coñecer novidades, intercambiar experiencias tanto con empresas como con outros gandeiros e agricultores e mesmo analizar a actualidade e os retos que todos cantos formamos parte deste sector temos por diante. E sen esquecer o que achegan importantes citas concretas dentro da feira, como os concursos tanto morfolóxicos como de preparadores e manexadores de gando frisón, a exposición de rubia galega e a poxa de gando selecto.

Son necesarias as feiras sectoriais?

A súa propia existencia xa revela que son útiles, máis aínda cando reúnen con bos resultados tanto a empresarios como a visitantes. Pero, ademais, penso que no hai mellor marco que unha feira sectorial para descubrir, interaccionar, testar…con empresas e ouros profesionais que comparten os teus mesmos intereses e inquedanzas.

Fálenos un pouco do seu traballo á fronte da Fundación, Cales foron os cambios desenvolvidos?

A Fundación Semana Verde de Galicia celebra no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca feiras e eventos de multitude de sectores, así que o meu traballo á fronte desta entidade é moi enriquecedor, á par que supón en moitos casos un reto, ao comezar novos proxectos ou adentrarnos en novos sectores. Uns retos que tamén teñen sido parellos aos cambios desenvolvidos na Fundación dende que ocupo o posto do director, o cal asumín no 2013. Así, multiplicouse exponencialmente o número de eventos celebrados no recinto, pasando de 6 eventos maiores en 2013 a máis de 20 no ano 2024, supoñendo ademais a incorporación de novos sectores produtivos aos que a entidade presta servizo. Así mesmo, a facturación da entidade feiral pasou de 1,7 millóns de euros en 2013 a 4,3 millóns en 2023, o que supuxo un 153% máis. En canto ao superávit, nese período foi de 1,8 millóns de euros. Isto supón que a Feira Internacional de Galicia Abanca sexa hoxe un recinto con moita actividade e con gran puxanza económica.

Vinculado como está ao mundo agrogandeiro galego, como ve o futuro do sector?

Vexo o sector agrogandeiro con bases sólidas e con moito futuro dende un punto de vista estratéxico, xa que a alimentación imos ter que apoiala dentro das nosas fronteiras. Así mesmo, hai unha clara aposta en Galicia por dous aspectos que son esenciais para o seu futuro, o I+D+i para a súa produtividade e facilitación do traballo, e o relevo xeracional.

Hai un relevo xeracional? Ou a xuventude segue a escapar do rural?

Polos datos que teño, cónstame que a administración galega está facendo un esforzo para que si haxa relevo xeracional. Así mesmo, todos cantos estamos implicados no sector, dun xeito ou doutro, somos conscientes da necesidade da súa tecnificación, polo que comentaba antes da produtividade, pero tamén para que este sector poda ser máis atractivo para máis xente, especialmente para a xente máis nova. Sendo así, espero que a tendencia de escapar do rural diminúa e incluso haxa un retorno significativo.

Está claro que hai unha necesidade por impulsar o sector, que cousas quedan por facer?

Una vez que temos unha rexión con tan boas materias primas e uns profesionais tan cualificados e cun coñecemento tan alto das potencialidades destas materias primas, creo que temos que sacarlles o máximo rendemento ás mesmas. Buscar o valor engadido para esas materias primas é unha maneira moi razoable para conseguir o impulso do sector.

⚙ Configurar cookies
0.15848398208618