A Moexmu gaña a XXIV edición do premio Aresa
A condición de feira decana e escaparate agrogandeiro, o seu impacto a prol do desenvolvemento e da profesionalización do sector, a contribución á mellora do gando vacún de raza frisón e a súa acción de dinamización socioeconómica e cultural no medio rural a través da Festa da Filloa son algúns dos eixos valorados no ditado do xurado do galardón creado pola USC e Aresa. A cerimonia de entrega do galardón, dotado con 10.000 euros e placa de mérito, será o 1 de marzo en Veterinaria.
A candidatura da Mostra Exposición Muimenta (Moexmu), impulsada pola comisión organizadora da feira decana do sector agrogandeiro da provincia de Lugo que este ano chega á súa cuadraxésima edición, resultou gañadora do XXIV Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, segundo deu a coñecer este mércores no lugués Pazo de Montenegro xurado encargado de emitir o ditame dun galardón que recibiu na presente edición “12 candidaturas de perfís diferentes, pero de alta calidade”, segundo remarcou a vicepresidenta de Aresa, Carlota López Pardo. O reitor da USC deu conta da decisión do xurado logo de máis dunha hora de reunión, durante a que fixo “unha avaliación polo miúdo das fortalezas e dos méritos das propostas recibidas”. Antonio López salientou que as últimas deliberacións centráronse entre a candidatura gañadora e a presentada por Traloagro, unha iniciativa empresarial de produción agrogandeira en ecolóxico, que tamén foi moi valorada.
Unha vez feita pública a decisión do xurado, un tribunal do que tamén formaron parte o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga; a catedrática da área de Tecnoloxía de Alimentos da USC e profesora na Facultade de Ciencias, Ángeles Romero Rodríguez, e a conselleira delegada e directora de Marketing e Exportación de Aceites Abril, Elena Pérez Canal, o reitor Antonio López informou de que a cerimonia de entrega do XXIV Premio Aresa será o vindeiro 1 de marzo, a partir das 20.00 horas, nun acto público que se desenvolverá no auditorio da Facultade de Veterinaria.
A candidatura gañadora do XXIV Premio Aresa representa valores moi aliñados cos intereses e coas liñas de especialización do Campus Terra, sinalou o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, quen, logo de salientar a condición da Moexmu como decana das feiras do sector agrogandeiro, lembrou a xa dilatada colaboración que mantén a sede universitaria luguesa coa comisión organizadora desta cita sectorial e tamén da Festa da Filloa de Muimenta, tamén no concello de Cospeito.
O impacto da Moexmu como elemento de dinamización do medio rural, alén da súa localización chairega, foi un dos aspectos destacados pola catedrática da USC Ángeles Romero, quen tamén sinalou que esta celebración deste evento incentiva a reflexión colectiva sobre o medio rural, ao tempo que actúa como escaparate que axuda a facer visible a súa realidade. Asemade, a conselleira de Aceites Abril, Elena Pérez Canal, aproveitou a súa intervención para poñer en valor a progresiva profesionalización do sector agrogandeiro á que contribuíu e contribúe a Moexmu, ademais de salientar o particular impacto xerado polos promotores deste evento na mellora xenética do gando vacún frisón.
Agradecemento a todas as candidaturas
A vicepresidenta de Aresa, Carlota López, aproveitou a reunión do xurado do XXIV Premio Aresa para reiterar de xeito público o seu agradecemento á USC pola cooperación na promoción do Premio Aresa, ademais de para trasladar os seus parabéns a todos as candidaturas presentadas a última edición deste galardón: Proxecto Eo Alimenta, Proxecto Moirai, Slow Food Compostela, Apicultura no Concello de Boborás, Moexmu, Proxecto H2GZ As Pontes. The City Under The Lake, Cosmética Muuhlloa, Traloagro, Puresa, Asociación Soutos do Courel, un proxecto de investigación conxunto entre os grupos Farmatox e NanoMag da USC, e un traballo sobre a influencia dos residuos de funxicidas a base de mepanipirim sobre a composición aromática do viño.