A Moexmu publica os carteis para nova convocatoria de abril
A comisión organizadora da XLI edición da Mostra Exposición de Muimenta – Moexmu continúa coas súas reunións de traballo.
Paula Francos Anllo volveu realizar o deseño dos carteis da Moexmu e do Concurso, Exposición e Poxa de Gando Selecto.
Os carteis desta edición tan especial para todos e todas recollen a gran festa do agro galego, a que toda a xente está convidada.
Coma nos últimos, os dous carteis manteñen a mesma liña, coherencia e discurso gráficos
para que sexa doado asocialos entre si. Nesta edición comparten unha disposición que evoca movemento e dinamismo a través dunha figura central que camiña -facendo alusión ao estreado camiño do recinto- con certo donaire e orgullo por esta feira. As flores mecánicas que compoñen ambas escenas transmiten alegría e fan referencia ao campo simbolizando a unión entre a natureza e a tecnoloxía no mundo rural moderno.
No cartel anunciador da feira a figura protagonista está deseñada con detalles clave do mundo agrogandeiro e artesán: a cabeza é unha peza de cerámica, os pendentes son mazarocas de millo, a bolsa de tela na que gardar as compras que se fagan na feira leva un estampado de vaca, o xoguete para crianzas que leva na man é un tractor, nos pés viste unhas zocas tradicionais da zona...
No cartel anunciador da poxa, a figura protagonista é unha vaca humanizada que viste ou porta elementos do mundo da estética ou da beleza dándolle valor ás razas locais que participan neste concurso: corte de pelo bob, bolsa con coroa na que figura unha ubre, madreñas tradicionais a modo de zapato de tacón, banda de gañadora...
A data de celebración serán entre o venres 4 de abril e o domingo 6 de abril do 2025, e as edicións a celebrar son a XLI edición da Mostra Exposición de Muimenta – Moexmu, o XXXIX Concurso de Gando Frisón, a XXXIX Exposición da Gando de Raza Rubia Galega e a XXIX Poxa de Gando Selecto.