A Moexmu recibe un dos premios ao Desenvolvemento Rural
“Vivir no rural e do rural é posible e merece a pena e, ademais, no rural hai moitas oportunidades”. Así o defendeu a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, durante a súa intervención na entrega dos XV Premios ao Desenvolvemento Rural. Neste evento, María José Gómez trasladou os seus parabéns aos premiados e finalistas destes galardóns e louvou as súas traxectorias que, destacou, “encaixan perfectamente cos valores, a filosofía e os criterios de actuación que promovemos desde a Consellería do Medio Rural”.
Así, a conselleira quixo recoñecer o traballo da Asociación Cultural Banda de Música Unión de Guláns -premiada na categoría Mocidade-, na liña de favorecer a permanencia da xente nova no rural. Neste mesmo apartado, a finalista foi a empresa Artio Nutrición, que desde Dodro favorece a creación de emprego coa venda de bebidas isotónicas a toda España. Do mesmo xeito, referiuse ás iniciativas recoñecidas na categoría Paisaxe Rural. Como primeiro premio, Ecomuseo, el país del abeyeiro e como finalista Máis ca leña. Definiunos como “exemplos de recuperación e posta en valor da biodiversidade”, no primeiro caso a través das abellas e, no segundo, dando novos usos a un monte comunal.
Nesta mesma liña, dentro do apartado de Proxectos de interese social, Gómez enxalzou a contribución dos colectivos Asociación Galega para Axuda dos Enfermos con demencia tipo Alzheimer -Agadea- (primeiro premio) e Aixiña (finalista) na mellora da calidade da vida da xente, neste caso cunha atención especial cara os colectivos desfavorecidos, persoas en situación de discapacidade e maiores. En parecidos termos, a titular de Medio Rural puxo tamén de relevo outras dúas iniciativas galardoadas neste acto, neste caso no sector turístico, como son Solpor Camper Park Experiencie (primeiro premio) no eido das autocaravanas e Aldea do Mazo (finalista) como mostra de que é posible devolverlle a vida social e económica a un espazo abandonado.
En relación directa co sector agrogandeiro, a conselleira reiterou o compromiso da Xunta co aumento da competitividade das explotacións, ao tempo que se mellora o medio ambiente e o medio rural. Unha aposta que, dixo, sosteñen os dous premiados hoxe nesta categoría: A Mostra Exposición de Muimenta (de Cospeito, Lugo), coñecida como Moexmu, que recibiu o primeiro galardón e que constitúe unha das feiras decanas de Galicia, e Enflor Agroecoloxía, como finalista, que fomenta o desenvolvemento da zona na que se atopa e o consumo do produto local dunha forma sustentable e innovadora.
Dentro da categoría de mulleres, resultou vencedor o proxecto presentado por Outonía Sociedade Cooperativa Galega, pola súa iniciativa de autoemprego para loitar contra o despoboamento no rural, tal como puxo en valor a conselleira, e finalista a iniciativa Matria, cheas de vida, que Gómez subliñou por “liderar un movemento baseado na solidariedade, comunidade e sustentabilidade femininas, valores que definen perfectamente o mundo rural”.
No que atinxe ao apartado de Innovación tecnolóxica, a titular de Medio Rural sinalou que o primeiro premio, concedido a Muiñeiras de Requiande, recolle perfectamente a filosofía de mesturar tradición e innovación. Esta iniciativa permitiu converter unha leira e un cortello nunha conserveira de uso compartido, nun proxecto de economía circular. En canto á proposta que resultou finalista, trátase de Calabizo, que desenvolveu un proceso de fabricación dun embutido vexetal tomando como materia prima a cabaza. Por último, na categoría de Recuperación e posta en valor da terra agraria, a conselleira salientou o valor do primeiro premio, que recaeu este ano na Aldea modelo de Meixide, situada no concello ourensán da Veiga, “un exemplo de xenerosidade máxima na que 151 veciños acordaron ceder terreo para o proxecto agrogandeiro de dous emprendedores apaixonados do rural”, segundo remarcou Gómez. O proxecto finalista foi a Recuperación de terras abandonadas e posta en funcionamento (no Incio, Lugo).
A encargada de abrir este acto foi a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, quen salientou que “cada un dos proxectos que hoxe recoñecemos é un testemuño do enxeño galego e da capacidade da nosa comunidade para adaptarse e prosperar”. Ademais, fixo referencia ao escenario do Panteón de Galegos Ilustres, que acolleu a entrega de premios, lembrando que “cada uno de nós ten o potencial de deixar unha pegada na nosa terra. Así como eles, temos a responsabilidade de traballar por unha Galicia máis próspera, inclusiva e sustentable”, concluíu.
A este acto asistiron tamén outros altos cargos da Consellería do Medio Rural, como o seu secretario xeral técnico, Jorge Atán; o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; O director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte. Participaron ademais os delegados territoriais da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e en Lugo, Javier Arias, así como o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e a vicepresidenta 1ª do Parlamento de Galicia, Elena Candia.