A Moexmu recibiu o seu premio na 22º edición do Día do Veciño
As comisións históricas da Moexmu foron as encargadas de recibir o distintivo V de Veciño na 22º edición do Día do Veciño, a xornada organizada pola Federación de Asociacións de Veciños de Lugo no Pazo de Feiras e Congresos da cidade lucense.
Este ano superouse o récord de participación coa asistencia 5.500 persoas de diferentes entidades e colectivos da provincia. Esta cita conta cunha achega da institución provincial de 18.000 euros e un lote de produtos de proximidade valorado noutros 6.000 euros.
O presidente da Deputación, José Tomé tivo palabras de loubanza sobre esta iniciativa. “Para min ten un sentido moi especial asistir cada ano a esta festa que xunta a veciños e veciñas de toda a xeografía lucense. Persoas para as que traballamos cada día dende a Deputación da man dos Concellos, para conseguir máis e mellores servizos”, sinalou Tomé Roca durante a súa intervención. O mandatario provincial animou ós asistentes a gozar dunha “festa de convivencia, de irmandade e para compartir o orgullo que sentimos como veciños da provincia”.
Quixo felicitar ao deputado de Medio Ambiente, Carlos López, coa V de Veciño nesta edición. “Un recoñecemento supón un inventivo para seguir escoitando e atendendo as necesidade dos veciños e veciñas, que é o noso obxectivo e a nosa obriga como representantes públicos”, valorou.
José Tomé Roca tamén entregou este domingo a V de Veciño ao Ministro de Transportes e Mobilidade Sostible de España, Óscar Puente; a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco; os presidentes da Asociación de Veciños Santiago de Adelán, e da Comunidade de Monte Veciñal e Mancomún Corva, Fernando González Palmeiro, e José Manuel Pena Regueiro; e a secretaria da Asociación Veciñal Penedos do Zorro de San Miguel de Vilapedre de Sarria, María Mónica López.
O Día do Veciño reflicte, en palabras do presidente “o espírito veciñal, o de axudarnos uns ós outros, o de estar presentes cando máis se necesita, é o que nos sostén como sociedade. Ese mesmo espírito que, durante xeracións, nos acompañou en tempos de dificultade e nos fixo máis fortes”. Destacou ademais que este tipo de encontros “fortalecen os lazos entre nós” e ademais “nos inspiran a continuar construíndo unha provincia mellor, máis xusta e solidaria”.