A Mostra de Instrumentos de Música Tradicional presenta o seu programa
O próximo 1 de agosto dará comezo a XXVII edición da Mostra de Instrumentos de Música Tradicional, que será a actividade principal dun Festival de Pardiñas que non se celebrará por mor do coronavirus. O lugar escollido para a celebraciòn será o recinto da feira de Parga cun programa no que primará as medidas de seguridade. Polo de pronto espérase a participación de 40 artesáns que abrirán os seus stands ás 11.30 horas, xusto media hora antes da lectura do pregón, que estará a cargo de Afonso Castro, que en 1986 abría o seu obradoiro de gaitas na súa Guarda natal, para un par de anos despois asentalo no Rosal..
Ás 13.00 horas terá lugar a presentación do libro Xosé Seivane. A gaita con maiúscula, na que haberá aforo limitado. Tralo xantar, ás 15:30 horas, celebrarase unha mesa redonda cos artesáns que levará por título Onte e hoxe dun oficio.
Pola tarde, ás 19.30 horas Tres Pesos ofrecerá un concerto, antes do peche da mostra, ás 21.00 horas.
E como todos os anos, estarán á venda as camisetas do festival de Pardiñas de este ano, realizadas con base ao cartel anunciador desta edición, que estará a cargo de Laura Romero, ilustradora, urban sketcher e música, baixista da veterana banda de rock Zënzar e tamén da arzuá MJ Pérez. É licenciada en Belas Artes pola Universidad de Salamanca desde o ano 2014.
As camisetas están á venda na cafetería Xoldra a un prezo de 12 euros. Serán todas en gris con todas as talles para nenos e adultos. Este ano, por cuestións de hixiene, non se poderán probar.
A cita terá lugar nun recinto pechado, con fin de controlar o aforo, con puntos de entrada e saída e sen os habituais obradoiros nin a posibilidade de probar os instrumentos.