A Mostra Musical do Eixo Atlántico visitará Vilalba os días 23 e 24 de maio

TerraChaXa
A alcaldesa destaca o prestixio musical de Vilalba e o impacto cultural e económico que supón converter a vila en sede dun evento de referencia na Eurorrexión
mostra-eixo-atlantico
3 Feb 2026

O Concello de Vilalba acollerá os días 23 e 24 de maio a IX Mostra Musical do Eixo Atlántico, un evento de carácter bienal que, desde o ano 2008, promove e recoñece o talento novo no ámbito da música clásica e o jazz, reunindo, segundo os datos das últimas edicións, a entre 300 e 400 intérpretes procedentes de Galicia e, a metade deles, do norte de Portugal.

A presentación oficial da mostra tivo lugar esta mañá en Vilalba e contou coa participación da alcaldesa, Marta Rouco; do presidente do Eixo Atlántico, Miguel Fernández; e do secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez.

A alcaldesa de Vilalba salientou durante a presentación do evento que “acoller esta mostra é unha honra para Vilalba e un recoñecemento á tradición musical da nosa vila”. Rouco destacou que “Vilalba conta cunha identidade fortemente ligada á música, cun Conservatorio Profesional e cunha Banda de Música cunha traxectoria amplamente consolidada e moi arraigada na sociedade vilalbesa”.

A rexedora subliñou tamén que “a Mostra Musical do Eixo Atlántico permite situar a Vilalba no mapa cultural da Eurorrexión e xera un impacto positivo non só a nivel cultural, senón tamén económico e social, ao atraer durante dous días a centos de participantes, familias e acompañantes”.

A IX Mostra Musical do Eixo Atlántico celebrarase no Conservatorio Profesional de Música de Vilalba e está dirixida a mozos e mozas intérpretes de música clásica e jazz, estudantes de escolas de música e conservatorios profesionais galegos e portugueses pertencentes aos municipios membros do Eixo Atlántico. As inscricións permanecerán abertas ata o vindeiro 27 de febreiro.

O programa desenvolverase en dúas xornadas. O sábado 23 de maio terá lugar a fase previa, na que todos os participantes serán escoitados e avaliados polo xurado, que seleccionará as propostas finalistas. O domingo 24 celebrarase a fase final, coa actuación dos finalistas e a entrega dos premios nas distintas categorías, tanto para solistas como para agrupacións musicais.

A mostra pecharase cun acto final que combinará interpretacións musicais, a entrega dos galardóns e unha homenaxe a unha figura destacada da música da Eurorrexión ou vinculada a ela, cunha traxectoria recoñecida no ámbito da música clásica ou do jazz.

“Acollemos esta mostra como unha oportunidade para proxectar Vilalba cara fóra e seguir facendo da música unha parte central da vida da vila”, concluíu Marta Rouco.

⚙ Configurar cookies
0.099356174468994