A ‘muller orante’ de Leandro Seixas
Leandro ten un estilo contemporáneo case abstracto, cun dominio das formas xeométricas e a predominancia do uso da mármore de cores e o metal.
Por Miriam Fernández
Non sempre hai que saír moi lonxe para atopar unha obra de arte nin todas as obras de arte son do tamaño da Catedral de Santiago. Neste caso só tiven que ir ata o moble da miña sala para poder falar dunha peza que dende fai moito me ten fascinada, un regalo para miña nai dunha familia amiga e que gardamos como o tesouro que é: unha pequena escultura dunha muller orante que forma parte da primeira etapa artística do escultor chairego Leandro Seixas.
Nado na parroquia guitiricense de Pígara, Leandro Seixas traballa actualmente no seu obradoiro da Torre (Vilalba) dende onde espalla a súa arte cara o mundo. Licenciado en Belas Artes en 1977 coa especialidade en escultura, traballou coma profesor de Ensinanza Media (1979-1982) e, dende os anos setenta ata a actualidade, realizou importantes traballos de restauración tanto dentro coma fora de España, ademais de desenvolver á súa labor como escultor creando as súas obras e dirixindo exposicións tanto individuais como colectivas en galerías diversas (Galicia, Madrid, Barcelona, Italia, Eslovenia, México, Santo Domingo, etc.).
Galardoado en diferentes ocasión en concursos nacionais e internacionais que abalan a calidade das súas creación, tamén logrou posicionar as súas pezas en colección públicas e privadas de moitas partes do mundo (Corea, Turquía, Nova Zelanda, etc.). Como apuntaba nunha entrevista do xornal O Progreso (xullo 2009) “A arte visual, e en particular a escultura, que ademais de visual é táctil, enténdoa coma unha apropiación do espazo como lugar de reflexión, que no canto de se materializar en palabras ou pensamentos (que tamén), materialízase en formas, en interpretación e expresión da realidade en tres dimensións. Nese xeito, é unha forma universal de entender a arte”.
Tecnicamente podemos encadrar as esculturas de Leandro Seixas dentro dun estilo ou arte contemporáneo non figurado (case abstracto), cun dominio das formas xeométricas e a predominancia do uso da mármore de cores e o metal, os cales lle permiten expresarse mediante formas esenciais e liñas máis depuradas. Nembargantes, tal e como el mesmo apunta, nos seus inicios comezou esculpindo con cera e madeira, empregando un estilo realista que formaría a base ou punto de partida no seu camiño artístico.
Neste contexto podemos encaixar a pequena escultura da muller orante, tallada en madeira á navalla e na que se aprecia que en orixe se ensamblaron verticalmente dous anacos deste material de distinta cor, cunhas marcas intencionadas e características de desbaste sen alisar e sinatura do artista nun dos laterais da base. A pequena talla representa unha muller axeonllada, coas mans entrecruzadas sobre o colo e a cabeza inclinada, ataviada cunha vestimenta de corte tradicional feminina (saia, mantelo, touca e pano na cabeza). Como foi corroborado fai uns anos nunha conversa persoal co autor, a escultura bebe directamente da influencia de Asorey, recordándonos a súa afamada escultura “Ofrenda a San Ramón”, ademais da influencia directa das estampas que el mesmo presenciara daquelas mulleres que acudían ás romarías arredor de capelas e santuarios, realizando os distintos ritos de roga, ofrenda e procesión, moitas delas de xeonllos. Esta figura oferente encarna por tanto a imaxe das mulleres da Galicia rural e tradicional, expresando con só mirala un forte carga emocional e realista, acentuada mediante a pose da cabeza baixa, o corpo encurvado e as mans entrelazadas, nun exercicio de recollemento no que case nos parece escoitar o bisbar das pregarias. Esta pose transmítenos tamén o sacrificio, o traballo de tantas mulleres, a resignación e a carga do peso familiar que estas tiñan que soportar a diario, un sino enfatizado pola relixión e a construción social do “que se agarda delas que sexan”, sen cuestionamentos nin desviacións, sen expectativas persoais, nunha vida de eterna penitencia construída e guiada dende o día do propio nacemento. Mirar para ela sen dúbida evoca para moitos a imaxe da aboa e a nai, despertándonos o desexo de acariñala e aliviala do seu sufrimento.
Pequena en tamaño pero grande en sentimento, esta obra é un claro exemplo da simbiose entre a escultura e o modelado das emocións, transmitidas de forma sutil pero con forte impacto dentro dun traballo artístico de tipo realista, base sobre a que Leando Seixas construíu o seu estilo evolucionando paulatinamente cara formas máis esenciais, tal e como puidemos apreciar na recente exposición (2020) presentada na Casa da Cultura de Vilalba apoiada polo Instituto de Estudos Chairegos.