A Mulleres Rurais de Muras sacan adiante o seu proxecto veciñal loitando contra a despoboación


Entre cadernos, ferramentas e moitas horas de traballo compartido, medra en Muras desde hai case oito anos unha iniciativa que se converteu nun referente de participación social e dinamización comunitaria. A Asociación de Mulleres Rurais de Muras botou a andar o 28 de outubro de 2018 cun obxectivo claro: crear un espazo de encontro para mulleres maiores de idade no que fomentar o desenvolvemento, a emancipación da muller e a promoción cultural, social e laboral así como a igualdade xurídica.
A idea xurdiu da necesidade de ofrecer alternativas de lecer e formación nun concello marcado polo avellentamento da poboación e pola dispersión xeográfica. Desde o inicio, a asociación apostou por promover actividades culturais, sociais e formativas que axudasen a combater o illamento e a fortalecer os lazos veciñais, sempre cunha perspectiva de igualdade e participación activa.
Na actualidade, a asociación conta con 25 socias e, lonxe de estancarse, segue medrando, malia as dificultades propias dun municipio pequeno e envellecido. “O máis complicado é conseguir que a xente se anime e se implique”, recoñecen desde a directiva, “pero pouco a pouco imos gañando confianza e apoio”.
As actividades que se desenvolven están centradas, principalmente, nos obradoiros artesanais. Nestes momentos estase a impartir un curso de talla en madeira, dirixido por un artesán de recoñecido prestixio, Marcos Ladra. Trátase de formacións de longa duración, que poden estenderse entre seis e sete meses, dependendo do orzamento dispoñible. A intención da asociación é ampliar a oferta e incorporar novos obradoiros, como cerámica ou outras disciplinas, pero a falta de recursos económicos limita as posibilidades.
A pesar diso, as ideas non escasean. O problema é o financiamento. Actualmente, a asociación non conta con axudas estables doutras administracións, aínda que confía en poder recibir apoio no futuro tanto da Deputación como do Concello de Muras. "O Concello colabora con nós pero doutro xeito xa que os partidos da oposición no están polo labor de colaborar coa asociación", explican desde a directiva. Mentres tanto, o funcionamento sostense grazas ás cotas anuais das socias e á organización de actividades como comidas populares, algunhas delas gratuítas para as integrantes da asociación, e algunha viaxe.

A resposta da poboación está a ser, segundo explican, moi positiva. Os veciños colaboran, participan e amosan interese polas iniciativas que se propoñen. Ese apoio tradúcese en ánimo para seguir adiante. “Detrás de todo isto hai moito traballo e esforzo, pero facémolo con ilusión e satisfacción”, aseguran.
Facerse socia é sinxelo: abonda con achegar os datos persoais e pagar unha pequena cota anual. Cada ano incorpóranse novas mulleres, unha mostra de que o proxecto segue vivo e con futuro.
A Asociación de Mulleres Rurais de Muras é hoxe moito máis ca un colectivo. É un espazo de encontro, aprendizaxe e apoio mutuo que contribúe a manter viva a vida social do rural, demostrando que, mesmo con poucos medios, a vontade e o traballo en común poden xerar cambios reais na comunidade.