A música e o teatro protagonizan a programación trimestral do Teatro Pastor Díaz de Viveiro
O Concello de Viveiro xa ten lista a programación cultural para o Teatro Pastor Díaz nos meses de febreiro, marzo e maio, co protagonismo da música e o teatro para todas as idades.
Nas próximas semanas pasarán polo escenario do Pastor Díaz, Redrum Teatro, con Idiota; Mamá Cabra, con A Fraga do meu Avó; A Banda da Loba para presentar o seu novo disco; Teatro Noroeste, con As virxes Salvaxes, ou Teatro do Atlántico, con Dúas donas que bailan.
A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, lembra que “a cultura é un dos piares da nosa acción de goberno, a cultura é ocio pero tamén serve para pensar e reflexionar, estamos moi satisfeitas da programación dos próximos meses”.
Ademais das obras e actuacións musicais, as persoas que se acheguen ao Pastor Díaz nas próximas semanas poden ver tamén a exposición conmemorativa do centenario do teatro.