“A música e o teatro son o buque insignia das actividades que se fan durante o ano”

TerraChaXa
Óscar Puente é o novo presidente da asociación veciñal de Árbol trala renovación da directiva, que se fixo en outubro de 2025 despois de once anos sen cambios. O obxectivo é manter as actividades que hai
entroido-vilalba-arbol
22 Mar 2026

Como se produciu o cambio de directiva?

A anterior directiva foi a fundadora da entidade en 2014. Levaban tempo pedindo unha remuda, pero ninguén se animaba. Na última asemblea ordinaria, en outubro de 2025, expuxeron a súa intención de deixar a súa actividade neste ano. Por iso, falando entre os actuais membros da directiva, que xa eramos socios, decidimos presentar unha candidatura para manter viva a Asociación.

Quen forma parte da directiva actual e cantos socios a forman?

A directiva está composta por catro persoas: Óscar Puente, presidente; Tamara Calaza, secretaria; Patricia Díaz, tesoureira; e Marisol Morado, vogal. Ademais de contar con persoas moi próximas que nos botan unha man. Co proceso de cambio de directiva polo medio, a renovación das cotas produciuse máis tarde que en anteriores ocasións. Con todo, xa alcanzamos os 150 socios.

Que obxectivos ou proxectos ten esta nova directiva?

O obxectivo principal é manter as actividades que hai. A anterior directiva fixo un traballo brutal co que se conseguiu que en Árbol se formase un grupo de música (Cerna de Árbol), un grupo de teatro (Borguete Teatro) e unha comparsa de entroido (que este ano chámase FunkoFest). A maiores promoveron decenas de cursos e obradoiros. Este curso había varios en marcha e a intención é seguir con eles. A Escola do Santo, que é o centro que usamos coma local social, ten actividade case todos os días da semana. O outro dos propósitos é conseguir o seu arranxo. A anterior directiva xa conseguiu a promesa do actual responsable nesta materia do Concello de Vilalba. Agora agardamos que se cumpra.

Algunhas novidades respecto ao programa doutros anos?

Pouco a pouco irase coñecendo algunha. Por primeira vez apuntámonos ao programa ‘Coñece a túa provincia’ da Deputación de Lugo. A Asociación foi admitida nas listaxes provisionais e agardamos xuntar xente para gozar dunha viaxe pola provincia.

Hai algunha outra iniciativa que lles gustaría facer ou poñer en marcha?

Sempre hai ideas en mente. Somos xente nova, implicada noutras tarefas e queremos facer o posible por promover actividades na parroquia e a súa contorna. En breve darase a coñecer unha, que a máis de un, lle ha facer a boca auga.

Cando naceu a asociación e que percorrido tivo nestes anos?

A entidade naceu en 2014 nunha parroquia moi necesitada de actividades, movemento e unión. Pouco a pouco, consolidáronse celebracións como o magosto, a visita de Papá Noel, os campionatos de tute ou os Pre Fin de Anos nos últimos tempos. A maiores, a partir das clases de música formouse a Cerna de Árbol. Posteriormente coa escola de teatro, apareceu Borguete Teatro. Foi evolucionando sempre, con veciños moi implicados nas diferentes tarefas.

Experimentou un crecemento nos últimos tempos?

Ultimamente mantívose o feito, que xa non é pouco. Bótase de menos que máis xente se implique. Os que o fan están o 100 %, pero gustaríanos que máis persoas apreciaran o esforzo e ao mesmo tempo a necesidade de dispoñer dunha asociación cultural.

Cales son as actividades máis habituais?

Música e teatro son os buques insignia ao longo do ano. Ademais, as clases de zumba xa levan uns anos. Despois aparecen obradoiros, coma o de costura que se está impartindo neste curso. A ximnasia para maiores ou o taller de memoria tamén xa están consolidados.

Contan cun grupo de teatro e tamén cun grupo que se disfraza todos os anos. Fálenos un pouco da evolución que tiveron

Borgue Teatro apareceu en 2019. A pandemia da Covid truncou un pouco a súa progresión, pero o grupo mantívose e leva uns anos participando no circuíto de teatro afeccionado organizado pola Deputación de Lugo. Xa van dúas obras representadas. A comparsa de entroido tamén foi outra das primeiras actividades da asociación. Ao longo dos anos foron pasando diferentes persoas e a evolución en canto a ideas e realización foi total. Xa levan uns anos acumulando primeiros premios e podios nos entroidos da comarca e arredores. Sempre concursan con ideas propias e moi traballadas.

0.11172008514404