A música galega e as degustacións reinarán na Festa da Torta de Millo de Guitiriz

TerraChaXa
Ademais da tradicional degustación e venda do doce, a cita inclúe obradoiros, exposicións, xogos populares ou postos de polbo á feira
presentacion-torta-de-millo-guitiriz
Presentación do evento
21 Maio 2024

Todo preparado para celebrar o domingo 2 de xuño a VII Festa da Torta de Millo de Guitiriz, organizada polo Concello coa colaboración da Deputación de Lugo. Un evento no que, ademais da degustación e venda do doce tradicional do municipio, haberá música, obradoiros, exposicións, xogos populares, pulpeiras e exposicións.

Hoxe, na Casa Habanera, a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, e o deputado de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera, presentaron a programación completa da sétima edición da festa.

Como non pode ser doutro xeito, os protagonistas serán os tres establecementos artesáns de Guitiriz que preparan a torta: Panadería David, Pastelería Gómez e Panadería La Esquina. Ademais, destacan os concertos de Xurxo Fernandez, Mondra e Fillas de Cassandra.

Marisol Morandeira agradeceu a colaboración da Deputación para a organización da festa, “que se financia a través do Plan Único” e destacou como novidade “o concerto ao mediodía, xa que foi unha demanda que houbo na anterior edición e que quixemos atender este ano”. “Fixemos un esforzo económico para traer a grupos de renome no panorama musical galego e agardamos que veña moita xente a pasar aquí toda a xornada e a saborear a Torta de Millo, un produto inigualable”, afirmou.
Pablo Rivera salientou que “a torta de millo é un produto que todas e todos identificamos rapidamente con Guitiriz” e felicitou ao Concello por organizar unha festa que “non só se queda no gastronómico, combina a tradición co ocio e a innovación, implicando aos mozos e mozas”.

Programación

A VII Festa da Torta de Millo de Guitiriz comezará ás 11 horas coa apertura da Mostra de Artesanía e venda e degustación da torta de millo. Ás 11:30 horas haberá un pasarrúas con Caivanca, que irá desde o Curro Vello ata o Campo da Feira. Ás 12:30 horas actuarán Os Trapeiros dos Vilares e ás 13 horas será a quenda de Na Casa Zoqueiro. O primeiro concerto, o de Xurxo Fernandes, será ás 13:30 horas.
Xa pola tarde, ás 16:30 horas volverán a abrir os postos dos tres establecementos para a venda e degustación da torta de millo. Ás 17 horas, e ata as 19 horas, os xogos populares encherán o Campo da Feira. Para as 19 horas está prevista unha actuación da Escola de Música e, ás 20 horas, terá lugar o concerto de Mondra. Para rematar a festa, ás 21 horas haberá unha batucada con Bloquinho de Xermolos e, como colofón, ás 21:30 horas celebrarase o concerto de Fillas de Cassandra.
Durante toda a xornada haberá obradoiros, exposicións, pulpería, postos de comida e tamén inchables para os máis pequenos. Ademais, instalaranse 25 postos de artesanía.

cartel-torta-de-millo-guitiriz
0.14635920524597