A nova planta de ENCE nas Pontes xera preocupación polo seu impacto ambiental nas Fragas do Eume

A recente aprobación por parte da Xunta de Galicia da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorable para a nova fábrica de fibras de ENCE nas Pontes vén de levantar numerosas críticas pola súa repercusión sobre o medio natural, nomeadamente o río Eume e as próximas Fragas, declaradas parque natural e Zona de Especial Conservación (ZEC).
A planta, que se emprazará na antiga balsa mineira das Pontes, ten como obxectivo producir arredor de 100.000 toneladas anuais de fibra de celulosa branqueada a partir de cartón reciclado, destinada á fabricación de papel tisú. "Porén, a empresa non aclara se esta segunda fase de produción se levará a cabo nesta mesma instalación ou noutros centros que posúe", explican desde a agrupación ecoloxista Adega.
ENCE insiste en que se trata dun proxecto enmarcado na economía circular, ao empregar materia prima reciclada e non incrementar, segundo afirma, a demanda de madeira de eucalipto. A Xunta mesmo reproduce este argumento na súa resolución. Non obstante, especialistas de Adega alertan de que a produción de papel tisú require na práctica mesturas de fibra reciclada con fibra virxe —esta última procedente, previsiblemente, de eucalipto dos montes galegos—, "o que desmente en parte o discurso de circularidade".
"Ademais, a fábrica contará cunha planta de cogeneración de 20 MW térmicos que usará biomasa forestal de proximidade como fonte enerxética, o que implicará un consumo estimado de 60.000 toneladas anuais de eucalipto. A combustión deste material, aínda que complementada con gas natural e gasóleo, xera emisións contaminantes das que ENCE non informa detalladamente", engaden.
Outro punto crítico é o uso da auga. A planta prevé captar case 5.000 m³ diarios da antiga mina de lignito, coñecida popularmente como lago das Pontes. A maior preocupación, porén, reside nos vertidos. "A empresa recoñece que se producirán preto de 1,55 millóns de m³ de augas residuais ao ano, cunha alta carga orgánica. A pesar do tratamento previo, diversos parámetros como o pH, a materia en suspensión, a demanda biolóxica de osíxeno ou a presenza de metais pesados non cumprirían cos estándares de calidade establecidos para o río Eume no Plan Hidrolóxico Galiza-Costa 2021–2027", engaden.
ENCE propón resolver esta situación mediante a dilución dos efluentes no Eume, en lugar de usar a propia balsa mineira como punto de vertido, unha opción que sería hidroloxicamente máis estábel e segura. "A proximidade das Fragas do Eume, a escasos sete quilómetros augas abaixo, fai que o impacto potencial sexa especialmente sensible nun espazo natural protexido", din.
Este proxecto, presentado como parte dunha “transición verde” cara á reciclaxe e a economía circular, é sinalado por organizacións ecoloxistas como "un exemplo máis de transición ambientalmente inxusta". Segundo denuncian, a iniciativa non só mantén a dependencia da fibra virxe de eucalipto, senón que podería favorecer a súa expansión, incrementar a emisión de contaminantes e empregar un ben público como o río Eume como canle de dilución e evacuación de residuos industriais.
A sociedade civil e os colectivos ambientais chaman á reflexión sobre os efectos acumulativos deste tipo de industrias e reclaman unha análise máis rigorosa e un modelo industrial realmente respectuoso coa biodiversidade e os recursos naturais de Galicia.