A obra de humanización da Travesía dos Castros de Vilalba opta a un premio de arquitectura
A obra de humanización da Travesía dos Castros levada a cabo polo Concello de Vilalba opta aos premios que convoca o Colexio de Arquitectos de Galicia (Coag).
A remodelación da zona comprendida entre o cruce da rúa Calvario ata o cruce da Avenida Terra Chá entra na candidatura de “Deseño de espazos urbanos, xardiñería e paixasismo” xunto con outras 19 obras, destacando como a única neste apartado na provincia de Lugo.
Carlos Romero Amenedo e Alba Riguera Otero foron os arquitectos que dirixiron o proxecto.
A actuación candidata a estes premios tivo por obxecto recuperar o espazo para o peón e acadar unha mellor imaxe da rúa, hasta o momento moi deteriorada.
A colocación dunha plataforma única rematada cunha solera en vermello e branco, a colocación de parterres, novas árbores e mobiliario, xunto a ampliación xeral do espazo, foron os aspectos que a fan merecedora do premio que concede o Colexio de Arquitectos de Galicia.
O fallo do xurado destes galardóns, que alcanzan a súa vixésima edición, darase a coñecer na gala que se celebrará o próximo 18 de marzo na Fábrica de Cerámica de Sargadelos, no Cervo.