A obra de varios artesáns galegos, de Viveiro e Riotorto entre eles, está na feria de deseño de Londres

TerraChaXa | LugoXa
21 sep 2019

A Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa a comercialización e a promoción de Artesanía de Galicia no mercado europeo durante a feira de decoración e deseño London Design Fair, que se celebra ata o vindeiro domingo 22 de setembro. Coa presenza nesta iniciativa, na que a Xunta participa desde o ano 2013, a Fundación Artesanía de Galicia busca afianzar as canles de distribución internacional coas que xa conta o produto artesanal galego, así como atopar outras novas.  

Artesanía de Galicia regresa á feira profesional de decoración London Design Fair cunha proposta integral para os fogares contemporáneos, onde a artesanía tradicional comparte espazo e protagonismo con pezas artesás de deseño máis actual. En Londres exhíbense pezas de decoración e interiorismo de 45 profesionais do sector artesán galego, dos que un total de 17 participan por primeira vez nesta feira de referencia europea. 

Estes obradoiros representan disciplinas como a olería tradicional de Buño e Gundivós -dous dos catro centros oleiros tradicionais de Galicia-, cerámica contemporánea, porcelana, cestería tradicional, madeira torneada, as figuras tradicionais elaboradas con miga de pan típicas de San Andrés de Teixido, pezas de coiro, coitelos tradicionais forxados á man, téxtiles elaborados en teares manuais ou propostas de cestería téxtil. Ademais, a porcelana, o papel e o vidro únense á prata, as pezas de cociña elaboradas en madeira e pezas de iluminación.

A London Design Fair está considerada unha das feiras profesionais de decoración e de deseño de referencia. Trátase dunha oportunidade única para a reunión de axentes, importadores, deseñadores, produtores e compradores de deseño interior e da industria de agasallos, unha porta aberta a un mercado internacional no que o produto artesán galego leva uns anos introducíndose. A participación neste encontro desde 2013 está a permitir ir abrindo mercados en diferentes países europeos (Suecia, Reino Unido, Alemaña, Dinamarca, Noruega, Francia ou Italia), así como comezar a distribuír pezas do sector artesán galego en Xapón e Australia.

Entre as novidades da escolma que Artesanía de Galicia presenta nesta edición atópanse os paxaros tecidos con lá feltrada de Sandra Vilas (Santiago de Compostela); ademais das novidades que se presentaron na feria de Formex, celebrada en Estocolmo no mes de xaneiro, que viaxan por primeira vez a Londres. Trátase dos xoguetes de madeira de Artesanía Silvent (Caldas de Reis); as ilustracións de Deica Creacións (Santiago de Compostela); os obxectos de decoración elaborados pola Asociación de Redeiras Illa da Estrela de Corme (Ponteceso); as pezas de madeira de Artesanía Chavello (Cervantes), Aldea Artesán da Fraga (Xermade) e Oitenta (A Coruña); o tecido manual elaborado polos obradoiros de Anna Champeney (A Teixeira), Inés Rir&Co Deseño Textil Artesán (Allariz) e Belategui Regueiro (Cambre); a cerámica de Susana Anta Ceramics (A Illa de Arousa), Mi madre no me deja (Lugo), Ana Méndez Cerámica (Pazos de Borbén) e Barreiros Artesanía (Nogueira de Ramuín); as lámpadas artesás elaboradas por lago:monroy (Nigrán); a marroquinería de Emcouros Slow Leather Atelier (A Coruña) e as pezas de origami realizadas por Anaquiños de papel (A Coruña), obradoiro galardoado coa Bolsa Eloy Gesto nos Premios Artesanía de Galicia 2018. 

A artesanía tradicional está representada en Londres polos cestos de madeira fendida de Antonio Suárez Dávila (Vigo), a olería de Buño que realiza Alfarería O Rulo (Malpica de Bergantiños), os coitelos de forxa elaborados polos obradoiros Celso Núñez Ferreiro (A Fonsagrada) e MAF Artesanía (Riotorto), a olería de Gundivós de Rectoral de Gundivós (Sober), as figuras de miga de pan de San Andrés de Teixido que realiza Jorge Bellón (Cedeira), tecido manual en tear de baixo lizo dos obradoiros Artefíos (A Coruña) ou o traballo do coiro de Jatafarta (Santiago de Compotela).  

Os obradoiros especializados no traballo da madeira que participan de novo na London Design Fair son Armaior (Quiroga), Artesanía Ferradáns (A Estrada), Atalanta Madera (A Estrada) e Lorenzo Design (Santiago de Compostela). Tamén participan no stand de Artesanía de Galicia os obradoiros de olería e cerámica Cerámica Unzueta (Brión), Comocuando (Vigo), Fernando Porto (A Estrada), Laura Delgado (Cambre), Olería Pepe Otero (A Coruña), Regal Cerámica (Viveiro), Víctor Ares (A Coruña), Witchneeds (Vigo) –gañadora do Premio Artesanía de Galicia en 2018-, Arobe Cerámica (A Coruña), Fani Sánchez Barreiro (A Coruña), Lanalutum (Lugo) e Mar Barral (Catoira).

O stand que a marca Artesanía de Galicia presenta estes días en Londres complétase coa cestería téxtil de Degerónimo (Santiago de Compostela), os paxaros téxtiles de Logaro (Ourense), as culleres de vidro de Polo Enríquez (A Coruña) e as pezas de prata realizadas por Noroeste Obradoiro (Santiago de Compostela) – Premio Artesanía de Galicia 2016 –.

A comercialización e a promoción do produto artesán galego a través da consolidación da marca Artesanía de Galicia nos diferentes mercados constitúe unha das liñas estratéxicas en materia de artesanía da Xunta de Galicia, que busca contribuír ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego.

0.17914700508118