A obra gañadora do certame de Arte do Belén de Begonte pode visitarse en Lugo
A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu a reunión do xurado do XXXV Certame Galego de Arte José Domínguez Guizán, coincidindo coa inauguración da exposición que amosa as 14 obras presentadas ao concurso, organizado ao abeiro da convocatoria O Nadal en Begonte.
O xurado, formado pola directora da Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro; a concelleira de Cultura do Concello de Begonte e membro da directiva do Belén, Sonia Varela; e o artista Gonzalo Sánchez Folgueira Zalo, decidiu outorgar o primeiro premio, dotado con 2.000 euros e un trofeo, á obra Sistouza de Eduardo Pérez Baamonde, natural de Vilalba.
A primeira Mención de Honra foi para Manuel Carballeira Rivas, de Cospeito, pola súa obra Río dourado, e a segunda para Miguel Torre, do Incio, con Brisa del Cantábrico. A Mención especial do xurado recaeu na obra Vista de la Rinconada y la Catedral de José Luis Mendaña Cubi.
A mostra, coa totalidade das obras presentadas ao certame, poderase visitar na sala de exposicións da Delegación Territorial da Xunta ata o vindeiro 13 de xaneiro. A entrega de premios terá lugar no centro cultural de Begonte o día 1 de febreiro, coincidindo coa clausura do Belén.
A inauguración da mostra contou tamén coa presenza do delegado territorial de Lugo, Javier Arias; o presidente do centro cultural José Domínguez Guizán, Xulio Xiz; e familiares de Manuel Gulín Rodríguez, a quen se dedicou este ano o certame de arte, en recoñecemento ás tres décadas nas que participou no mesmo como membro do xurado.