A Oficina Móbil de Atención aos Retornados estará o 20 de marzo en Abadín

A Oficina Móbil de Atención aos Retornados continúa o seu percorrido polas localidades das catro provincias galegas. Así, o 20 de marzo estará en Abadín. Esta estará entre as 9.00 e as 14.00 horas diante do Concello.
Este proxecto innovador da Secretaría Xeral da Emigración, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, busca ofrecer un servizo de información e asesoramento especializado e próximo ás persoas emigrantes retornadas a Galicia e as súas familias. Cun enfoque nas demandas e necesidades específicas derivadas do retorno, esta oficina itinerante desprazarase por diversos concellos de Galicia, co obxectivo de estender o seu alcance a cada recuncho da nosa comunidade.
A Oficina ofrece asesoramento sobre procesos e requisitos para un retorno exitoso, así como información detallada sobre os programas de apoio para a adaptación a Galicia. Tamén asistencia na xestión de trámites administrativos necesarios para o retorno e orientación sobre emprego en Galicia, validación de títulos estranxeiros e inserción profesional. Así mesmo, dáse asesoramento sobre opcións de vivenda e o sistema educativo galego.
A oficina móbil, complementando ás oficinas permanentes en Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo, convértese nun recurso máis accesible para a poboación retornada, especialmente para aqueles que se atopan lonxe das sedes fixas.
Para máis información, os interesados poden contactar coa oficina a través do teléfono 900 103 722 ou visitar a súa páxina web.