A Oficina Móbil de Atención aos Retornados estará o 6 en Vilalba

TerraChaXa
A Oficina Móbil de Atención aos Retornados realizará do 5 ao 8 de marzo un percorrido por catro localidades das catro provincias galegas.
oficina mobil retornados emigracion portada
5 Mar 2024

A Oficina Móbil de Atención aos Retornados realizará do 5 ao 8 de marzo un percorrido por catro localidades das catro provincias galegas. Así, o 5 de marzo estará en Rodeiro, Pontevedra, o 6 en Vilalba, Lugo, o 7 en Verín, Ourense, e o 8 en Narón, A Coruña.

Este proxecto innovador da Secretaría Xeral da Emigración, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, busca ofrecer un servizo de información e asesoramento especializado e próximo ás persoas emigrantes retornadas a Galicia e as súas familias. Cun enfoque nas demandas e necesidades específicas derivadas do retorno, esta oficina itinerante desprazarase por diversos concellos de Galicia, co obxectivo de estender o seu alcance a cada recuncho da nosa comunidade.

Servizos ofrecidos

A Oficina ofrece asesoramento sobre procesos e requisitos para un retorno exitoso, así como información detallada sobre os programas de apoio para a adaptación a Galicia. Tamén asistencia na xestión de trámites administrativos necesarios para o retorno e orientación sobre emprego en Galicia, validación de títulos estranxeiros e inserción profesional. Así mesmo, dáse asesoramento sobre opcións de vivenda e o sistema educativo galego.

A oficina móbil, complementando ás oficinas permanentes en Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo, convértese nun recurso máis accesible para a poboación retornada, especialmente para aqueles que se atopan lonxe das sedes fixas.

Para máis información, os interesados poden contactar coa oficina a través do teléfono 900 103 722 ou visitar a páxina web emigracion.xunta.gal.

Desde a Secretaría Xeral da Emigración sinalan que con esta medida reafírmase o seu compromiso con facilitar o retorno e a integración dos galegos e as súas familias, fortalecendo os lazos coa comunidade galega no mundo.

0.21894001960754