A oficina para a xestión da ARI dos Vilares e o Buriz abrirá o 22
Desde o próximo martes, 22 de marzo, estará en funcionamento a oficina técnica de asesoramento para a Área de Rehabilitación Integral (ARI) dos Vilares e O Buriz, que ten o obxectivo de axudar a tramitar as solicitudes de rehabilitación á veciñanza.
Estará todos os martes na primeira planta da casa consistorial e o seu horario de atención é de 9 a 14:30 horas aínda que fóra deste poderase ser atendido pedindo cita previa no teléfono 982 970 109.
A ARI dos Vilares e O Buriz conta cun orzamento de 151.008 euros, dos que 120.000 euros son aportados polo Ministerio de Fomento e 31.008 euros pola Xunta de Galicia, e afecta a 10 núcleos entre Os Vilares (As Reixas, Drada, Vilariño dos Cregos e Casanova de Vilariño) e O Buriz (Bustelo, Carelo, Portelo, A Forxa, O Buriz e A Graña-Ventisca), sumando un total de 93 vivendas e 5 edificios dotacionais dos que 2 son de uso educativo e/ou social e os 3 restantes son relixiosos.
A través desta figura poderase optar a unha serie de axudas para a rehabilitación das vivendas nas que se resida. As obras subvencionables poderán ser: reparación de fachadas e cubertas, mellora de salubridade, mellora de illamento, mellora de accesibilidade, mellora enerxética, cambio de ventás e eliminación de radón.