A oitava edición do Parga Rock mestura bandas galegas, estatais e internacionais

TerraChaXa
O festival, con entrada libre e acampada gratuíta, ofrecerá dous días de música, convivencia e actividades tradicionais
Parga-Rock-2023
12 Aug 2025

A localidade de Parga, no concello de Guitiriz, prepárase para recibir os días 5 e 6 de setembro a oitava edición do Parga Rock, unha cita que se consolidou como referencia para os amantes do rock, punk e metal.

Con acceso gratuíto e zona de acampada dispoñible durante as dúas noites, o evento promete unha fin de semana marcada pola música en directo, o bo ambiente e actividades como o IV Aberto de Billarda, que achegará un compoñente deportivo e tradicional á programación.

Organizado co apoio do Concello de Guitiriz, asociacións locais e patrocinadores, o festival reunirá sobre o escenario a formacións galegas, do resto do Estado e tamén internacionais, cun cartel variado que combina sonoridades contundentes, letras reivindicativas e unha posta en escena de gran intensidade.

Entre os participantes estará DJ Jordi Pánico, da Coruña, que achegará un compoñente electrónico e festivo mesturando rock, punk e clásicos de pista para manter a enerxía entre actuacións. Desde Vigo chegará Aquelarre, banda de heavy e power metal con melodías épicas e riffs potentes, mentres que desde Santiago actuará Xurxo, cunha proposta que fusiona esencia folk e rock combativo.

O rock and roll salvaxe de Porco Bravo, procedente de Barakaldo, e a mestura de rock alternativo e metal melódico de Meu, da comarca do Deza, tamén estarán presentes. A representación estatal completarase con No Konforme, de Madrid, referente do punk rock combativo, Pólvora, de Valencia, con rock potente e pegadizo, e Perpetual, da Coruña, cun death metal melódico de gran precisión técnica. Desde Ponteareas chegará Vimbio, que combina rock e punk con frescura e mensaxe social.

⚙ Configurar cookies
0.18177700042725