A oitava edición Trail das Bestas de Muras celebrarase o 9 de novembro

TerraChaXa
É unha cita de referencia no calendario galego de carreiras por montaña e está integrada no circuíto Galicia Trail Running Series
presentacion-trail-das-bestas
24 Oct 2025

Muras acollerá o vindeiro 9 de novembro a oitava edición do Trail das Bestas, unha cita de referencia no calendario galego de carreiras por montaña e integrada no circuíto Galicia Trail Running Series.

O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro, o alcalde de Muras Manuel Requeijo, a tenente alcalde Paula Gómez e o vicepresidente da Federación Galega de Atletismo Jesús Vázquez Tallón presentaron este xoves a proba, organizada polo concello coa colaboración da institución provincial e da Federación Galega de Atletismo.

A proba ofrece catro distintas e modalidades de participación: Maratón, de 43 quilómetros e 2.080 metros de desnivel, o Trail Classic, de 27 quilómetros con 1.260 de desnivel, Trail Curto, de 12 quilómetros e 570 de desnivel, e a Andaina, tamén de 12 quilómetros de 570 de desnivel.

Os percorridos comezan na área recreativa da Veiga e desenvólvense na contorna de Muras, aproveitando as paisaxes que ofrece a Serra do Xistral e a ribeira do Eume, un dos grandes alicientes da proba, xunto ao nivel de esixencia deportiva.

Manuel Requeijo valorou “a traxectoria da proba, que foi evolucionando ao longo dos últimos anos ata converterse nun referente para os mellores deportistas da modalidade e un dos mellores escaparates posibles para o patrimonio natural de Muras, que tratamos de poñer en valor con todas as actividades deportivas, culturais ou lúdicas que promovemos desde o concello”

Efrén Castro destacou tamén “as posibilidades que ofrece a contorna de Muras para acoller este tipo de probas que, ademais do interese competitivo, supoñen tamén unha oportunidade para proxectarse como de turismo deportivo”

A proba conta xa con máis de 150 persoas inscritas. O prazo para anotarse manterase aberto ata o 5 de novembro

Programa

  • 08:00 h: Saída Maratón
  • 09:30 h: Saída Trail Classic
  • 10:15 h: Saída Trail Curto
  • 10:20 h: Saída Andaina
⚙ Configurar cookies
0.069565057754517