A Ópera Nacional de Moldavia presenta Carmen en Vilalba este venres

TerraChaXa
Será ás 19.00 horas no auditorio coa posta en escena de 80 artistas
carmen-de-biset-opera
31 Out 2024

O Auditorio Carmen Estévez de Vilalba será este venres o escenario dunha das óperas máis icónicas da historia, Carmen de Georges Bizet, presentada pola Compañía de Ópera LGAM (Leonor Gago Artist Management) en colaboración coa Ópera Nacional de Moldavia. Será ás 19.00 horas.

Con unha posta en escena que inclúe 80 artistas, entre orquestra, coro e decorados do Teatro Nacional de Moldavia, esta produción conta coa dirección musical de José Escandell e a dirección artística de Leonor Gago. Ademais, solistas internacionais invitados darán vida aos personaxes desta obra mestra. A ópera interpretarase no seu idioma orixinal, francés, con tradución simultánea ao castelán.

Estreada por primeira vez na Ópera Cómica de París en 1875, Carmen sitúase na Sevilla de 1820 e narra a apaixonante historia dunha xitana sedutora que vive con intensidade e liberdade, atrapando os corazóns de quen a rodea. Desde a súa estrea, esta obra converteuse nun mito e nunha fonte de inspiración para artistas de diversas disciplinas.

Os afeccionados á ópera e os habitantes de Vilalba terán unha oportunidade única de desfrutar deste gran clásico sen ter que desprazarse a cidades máis grandes como A Coruña ou Vigo, grazas á xestión cultural promovida polo concello, que busca achegar as grandes óperas ao público local.

As entradas xa están á venda en entradasvilalba.es.

0.1952850818634