A oposición de Outeiro de Rei pide amparo á Valedora do Pobo pola negativa do alcalde a convocar plenos

TerraChaXa
Os voceiros dos grupos do BNG, FLI e PSOE en Outeiro de Rei veñen de anunciar a presentación ante a valedora do Pobo de Galicia dunha queixa e solicitude de amparo debido "á negativa do alcalde a convocar o pleno ordinario que correspondían a este mes de outubro de 2018".
9 Nov 2018

Os voceiros dos grupos do BNG, FLI e PSOE en Outeiro de Rei veñen de anunciar a presentación ante a valedora do Pobo de Galicia dunha queixa e solicitude de amparo debido "á negativa do alcalde a convocar o pleno ordinario que correspondían a este mes de outubro de 2018".

Desde estes grupos maniféstase a necesidade de existencia destes plenos, debido a que de non celebrarse "estase a impedir que os grupos da oposición poidan presentar propostas políticas ou fiscalizar as accións do goberno municipal, xa que só nos plenos ordinarios se poden presentar este tipo de iniciativas". Lémbrase así mesmo que isto non se pode facer nos extraordinarios, pois nestes a orde do día é pechada e "é ditada polo alcalde ao seu antollo".

Nesta lexislatura, é a terceira vez que ocorre, xa que tampouco se convocara anteriormente en ningún momento os plenos dos meses de setembro do 2016 e abril do 2017.

Tamén se salienta dende a oposición en Outeiro que sempre estiveron abertos a que se fixeran cambios nas datas dos plenos, se existise algunha circunstancia que así o aconsellase e sempre que se avisase con antelación para prever a presentación das iniciativas. Neste caso, ao igual que nas ocasións anteriores, non se produciu ningún contacto, nin oficial nin extraoficial, para que se eliminara a celebración deste pleno.

Para o BNG, FLI e PSOE con esta actitude o alcalde "está a vulnerar dun xeito grave os dereitos das concelleiras e concelleiros electos que pertencen á oposición e o alcalde persegue con isto que a oposición non poida facer o traballo que a cidadanía lle encargou cos seus votos".

De non convocarse de forma urxente este pleno ordinario, dende a oposición de Outeiro de Rei non se descarta ningunha posibilidade de actuación, incluída a de convocar un pleno extraordinario que teña como orde do día as propostas que a oposición ía levar a este pleno ordinario.

0.14859294891357