A oposición acusa á alcaldesa de Rábade de tomar decisións urbanísticas nas que favorece as súas propiedades
O ex alcalde e agora representante do partido Independente, Francisco Fernández Montes, criticou a decisión da alcaldesa da localidade, do Partido Popular, Remedios González, de cambiar o proxecto dunha rotonda para que non afecte a uns terreos propiedade privada da alcaldesa.
Segundo explica, existía un acordo con Adif para facer unha rotonda ao final da rúa Xeneral Arce cando esta pase a quedar cortada ao eliminar o paso a nivel que conecta esta vía coa que vai ao cemiterio. Este acordo fíxose ao mesmo tempo que se negociou a construción do paso elevado.
O obxectivo desta obra era facilitar aos usuarios da vía dar a volta xa que se trata dunha rúa moi estreita. Nun principio a intención era ampliar o ancho da estrada e facer unha rotonda no medio ao final, o que implicaba coller algo de terreo das fincas que estaban a ámbolos dous lados, unha delas, da alcaldesa.
“Cando negociamos sendo eu alcalde, ela negouse a facer a cesión, mentres que os outros veciños si apoiaron a iniciativa e agora o que fixo foi mover a rotonda para o outro lado de forma que non afecte aos seus terreos e si o faga en maior medida aos veciños do outro lado”, explica Montes.
Ao final, engade que se pretende facer unha expropiación nos outros terreos pero só para facer a rotonda.
Aínda así, non faltan as voces críticas que negan a necesidades de facer unha rotonda para unha rúa na que viven unicamente tres persoas. “Sería moito máis barato colocar un sinal de vía sen saída”, din.
De todos os xeitos, esta non é a única polémica xurdida nos últimos tempos sobre a xestión municipal.
No pleno desta semana foi moi criticada a proposta de establecer un salario de 14 pagas de 1.461 euros para o terceiro tenente de alcalde por media xornada de traballo. A coincidencia é que é irmán da alcaldesa e que a oposición considera totalmente desproporcionado este salario.
Así mesmo, os partidos da oposición acusaron tamén á alcaldesa de asfaltar a avenida dos Remedios só naquelas zonas das leiras propiedade de Remedios González e do tenente de alcalde, mentres no resto da vía só se amañaron algunhas fochancas.