A oposición esixe unha solución á problemática da rúa da Pravia

TerraChaXa
Os partidos na oposición, PP e Vilalba Aberta, fixeron chegar ao Goberno as súas queixas esixindo explicacións e unha comisión de urbanismo.
ruadapravia vilalba
18 Xuño 2021

Os dous partidos na oposición, PP e Vilalba Aberta, fixeron chegar ao Goberno local as súas respectivas queixas esixindo explicacións e un consenso no conflito da rúa da Pravia mentres que a outra entidade reclama unha comisión de urbanismo.

Polo tanto, o PP esixe, á maior brevidade posible, unha explicación exhaustiva por parte do equipo de Goberno e a busca do máximo consenso ante unha decisión sobre a céntrica rúa da Pravia “que leva varios días pechada ao tráfico de vehículos causando prexuízos non só aos negocios afectados polo descenso da actividade comercial na rúa; senón tamén a tódolos veciños do noso municipio porque se trata da principal conexión da nosa vila”.

A situación de malestar é notoria “porque parte ao pobo en dous”, e “está xerada pola falta de información do goberno local”, demostrando con elo, advirten dende o PP, “unha prepotencia sen procedentes por parte da alcaldesa, xa que da súa decisión unilateral non informou a ninguén”. Por este motivo, o Grupo Municipal do Partido Popular de Vilalba vén de rexistrar a solicitude de convocatoria urxente da Comisión de Urbanismo ou da Xunta de Portavoces para informar sobre a situación da rúa da Pravia. Así mesmo, pide ao goberno local aportar a documentación técnica, urbanística e viaria ao respecto.

Os populares -que estiveron presentes na concentración diante da Casa da Cultura previa á reunión dos comerciantes co equipo de goberno á que non se lles permitiu o acceso- manifestan a súa preocupación por esta situación e lamentan que “o goberno local actúe de costas aos vilalbeses, tomando decisións unilaterais e sen dar explicacións aos veciños. Non se pode concibir que o goberno municipal tome decisións de calado para Vilalba e todos os vilalbeses como é a circulación de vehículos por unha das rúas máis céntricas e de maior actividade comercial sen manter ningún tipo de diálogo cos veciños e cos sectores afectados”.

Arteria principal do tráfico na vila

A rúa da Pravia é unha das principais rúas comerciais de Vilalba, pero tamén constitúe unha das principais arterias de comunicación da capital chairega. Por ese motivo, estes días que estivo pechada ao tráfico supuxo distintos problemas para a circulación de vehículos tanto para os veciños coma para os visitantes, especialmente os que empregan a rúa da Pravia como entrada á vila. “O goberno local ten que ter en conta a opinión dos veciños e comerciantes á hora de tomar este tipo de decisións que afectan ao día a día dos vilalbeses e á actividade económica de varios negocios de Vilalba”, manifestan.

Os populares critican a actitude do goberno local que “permanece alleo á realidade dos veciños non só nesta cuestión; senón que tamén lle dá as costas aos afectados pola pandemia ao permanecer paralizadas as axudas ao tecido económico a pesar de aprobar as súas bases nun pleno extraordinario solicitado pola oposición”.

VILALBA ABERTA

O Grupo Municipal de Vilalba Aberta pola súa conta vén de rexistrar unha solicitude de urxencia no Concello, co fin de que o goberno do PSOE proceda á “inmediata convocatoria” dunha Comisión Informativa de Urbanismo que aborde a situación da Rúa da Pravia, logo de máis dunha semana de peche.

A formación municipalista, sae así ao paso da preocupación da veciñanza da máis céntrica arteria vilalbesa, facendo, así mesmo, súa á inquedanza do comercio e a hostalaría da zona pola “total falta de información e transparencia” do Concello, en relación co futuro inmediato da citada vía.   

Tal e como explicou hoxe a vicevoceira municipal da formación, Mª Xosé Fernández, “que a 10 días do derrube e posterior incendio, a veciñanza e os comerciantes non conten nin coa máis mínima información do que o equipo de goberno ten pensado para a rúa, é algo inconcibible”.

Así mesmo, a concelleira de Vilalba Aberta precisou que, se ben, Vilalba Aberta “ten as ideas claras” en relación co futuro da mobilidade no casco urbano, o primeiro que debera facer un goberno é “informar puntualmente á veciñanza” que, como é o caso da que vive ou ten os seus negocios na Rúa da Pravia, resulta a “principal afectada polo conxunto de cambios e/ou restricións.”

Unha opinión compartida pola súa compañeira e número 4 de Vilalba Aberta nas pasadas eleccións municipais, Mónica González, quen lembrou que unha “obra maior” como a que se presupón para a zona afectada, debería partir dun “consenso amplo tanto da veciñanza como dos grupos con representación municipal, e nese senso a iniciativa de Vilalba Aberta”.

0.20433306694031