A oposición fala: Castro de Rei
Dúas mulleres lideran os partidos da oposición e as dúas encabezaron a candidatura por primeira vez.
PSOE
Alba Sinde estreouse na política municipal para presentarse como candidata á Alcaldía de Castro de Rei polo PSOE nos últimos comicios, no mes de maio de 2023. O seu primeiro papel agora é como líder do segundo partido máis votado da oposición, que obtivo 3 dos 13 concelleiros elixibles. Sabe que a súa función céntrase no control do goberno. “Nós falamos cos veciños, observamos as deficiencias do concello, e trasladamos as súas inquedanzas ao Pleno municipal. Alí algunhas veces conseguimos que se acepten as nosas propostas, e que a moi longo prazo, ao mellor, as executen, e outras veces non son nin tan sequera aceptadas. A maiorías das veces, si son aceptadas nunca chegan a ser realizadas”.
Alba compaxina a súa vida como estudante dun Mestrado en Compostela, a vida social e en familia, e a vida activa nas xuventudes socialistas de Lugo, coa política local de Castro.
PSOE: “O obxectivo é posicionarmos como un concello de referencia comarcal e provincial”
“O maior sacrificio que fago é o tempo de vida social. Moitas veces non quedo coas miñas amigas e os meus amigos, ou se o fago é sen tempo para min, pola política. Ou vexo menos aos meus pais e á miña familia porque teño que estar presente na vida de Castro e observar o concello para ver que falla”, explica.
Pero este tempo de sacrificio ten os seus beneficios, “é ver como estou aportando o meu grauiño de area a que o meu concello sexa un lugar mellor. Ademais do orgullo que me provoca poder representar a Castro de Rei”.
Pero esta vinculación política non lle vén de lonxe. O seu tío avó foi alcalde, unha tía concelleira do PP e outro tío concelleiro polo PSOE ata este ano.
“Dende nena sempre lle tiven moito cariño ao meu concello, e sempre tiven moitas ganas e ideas para melloralo. Dende que teño conciencia política, defininme como unha persoa de esquerdas, xa que non concibo un mundo sen que axuda o próximo non sexa o vértice de todo. No 2020, o PSdeG de Castro de Rei quixo escoitar aos mozos e propuxéronse crear as Xuventudes Socialistas de Castro. Nese momento comezamos 4 rapaces e rapazas e eu convertinme na secretaria xeral da organización”, explica.
Cando Alba pensa nos seus obxectivos a nivel político teno claro: “son posicionar a Castro de Rei como un concello de referencia comarcal e provincial. Mellorar a vida dos veciños e facer do municipio un lugar onde a xente o escolla para vivir”.
Entre os seus proxectos para o Concello figura “a creación dun centro de día, construción de vivendas sociais, maior transparencia, potenciar a cultura e historia do concello, arranxar infraestruturas e un plan de industrialización”.
Para ela, agora mesmo as necesidades máis urxentes para Castro de Rei son “a construción de vivendas socias, xa que non hai case vivendas en alugueiro e os prezos están a alza, ademais de ser o un dos únicos concellos da contorna sen ter ningunha. Tamén a posta en marcha dun centro de día, para que os nosos maiores non pasen o día sos. Así mesmo o arranxo de infraestruturas que dan servizo aos veciños como poden ser a casa da cultura, a gardaría ou o centro médico”.
BNG
Á fronte do BNG está agora Olga García Portela, cunha ideoloxía sempre afín a este partido. Aínda que levaba desde o ano 2011 vinculada aos nacionalistas, e formou parte das listas, foi nestas últimas eleccións cando encabezou a candidatura.
Atópase soa para defender a ideoloxía e as propostas do partido nacionalista co único obxectivo de “intentar mellorar a vida da veciñanza” e para iso considera que a súa función é escoitar á veciñanza e facer propostas para levar ao pleno “todo o que consideramos para mellorar as condicións do Concello”.
Para Olga os beneficios deste traballo están na “satisfacción persoal por intentar que os servizos do Concello vaian mellor” que se contrapón ás desvantaxes de “renunciar ao meu tempo de ocio para dedicalo a todo o que hai que facer como oposición”.
BNG: “Eu aportarei o que crea que sexa positivo para o concello”
O BNG formou parte da Corporación anos atrás en coalición co PSOE. Lembra como moi positivos algúns dos logros acadados, como o saneamento das débedas, a axilización dos trámites para a construción da residencia de Castro de Rei, adecuación dos locais con sistemas de calefacción ou a rehabilitación do centro cívico do Matodoso.
De cara ao futuro ten claro que o seu é a política municipal. “Son conformista e no eido municipal doume por satisfeita con tal de que as cousas vaian mellorando. Eu aportarei o que crea que sexa positivo para o concello” e as súas apostas a nivel programático pasan por “mellorar os servizos sociais e as condicións de vida da nosa veciñanza do rural”.
Para Olga García o máis inmediato a realizar neste concello é “a mellora da subministración de augas, transporte público, vivenda social, programas culturais, dinamización dos mercados locais, pequenas empresas e axudas para fomentar a natalidade”.
As dúas políticas, como membros da oposición, consideran que as relacións co Goberno son cordiais, “procurando sempre que as diferencias no Pleno non afecten á relación como veciños que somos fóra do debate”.