A oposición fala en A Pastoriza

TerraChaXa
Constantino Fernández encabeza o PSOE municipal na oposición despois dunha lexislatura no Goberno
tino-fernandez-leira-a-pastoriza
8 Jun 2025

Constantino Fernández Leira é actualmente o voceiro do PSOE da Pastoriza, como número dous da lista, despois de Primitivo Iglesias, que foi alcalde durante dúas lexislaturas en coalición co BNG pero que está afastado da primeira liña política. Chegou á Pastoriza fai máis de 16 anos pero non foi ata as eleccións municipais de 2019 cando decidiu dar o paso e formar parte das listas.

Actualmente na oposición, defende con firmeza o papel fundamental deste grupo no funcionamento democrático dun concello. “O noso labor de oposición, ademais da nosa imprescindible vocación de gobernar, é a de inspeccionar de cerca o goberno municipal, controlar os procesos moitas veces escuros, ser un contrapeso, unha alternativa, unha esperanza de recuperación de dereitos perdidos nestes dous últimos anos e a de denunciar cando sexa necesario”, afirma. Fai fincapé en que non buscan frear nin entorpecer, senón “propoñer alternativas e achegar a crítica construtiva para que o noso concello avance”.

Coñece ben os dous lados da corporación municipal, xa que anteriormente formou parte do equipo de goberno. Iso permítelle asumir a súa nova etapa con naturalidade e responsabilidade. “Temos vocación de goberno, pero sobre todo, temos vocación democrática”, explica, sinalando que o cambio de goberno foi unha consecuencia natural do proceso electoral. Lamenta, iso si, que malia existir unha maioría progresista, “o noso compañeiro de viaxe nestes últimos anos non quixo un pacto de goberno”. Aínda así, o grupo socialista mantén “a man tendida e unha capacidade de diálogo constante sen ningún tipo de veto político ou persoal”.

O traballo do grupo socialista baséase, segundo indica, na proximidade coa veciñanza. “Grazas ao contacto directo e constante coa xente levamos ao pleno todas as iniciativas que nos trasladan”, conta. Entre estas, menciona “as melloras no campo de fútbol, o soterramento da liña de media tensión na avenida Constantino Cabaneiro...” así como o apoio a propostas do equipo de goberno que consideran beneficiosas para o conxunto da cidadanía.

En termos persoais, considera que formar parte da corporación municipal é “un privilexio, poder axudar a todas as persoas do que considero o meu concello despois de máis de dezaseis anos aquí”, expresa. Recoñece que o principal sacrificio é o tempo que deixa de pasar coa súa familia, pero subliña que conta co seu apoio: “Afortunadamente eles entenden e apoian o meu labor na política, a loita diaria porque todas as persoas teñan unha vida mellor”.

Sobre os seus obxectivos políticos, declara sentirse “máis que satisfeito podendo representar a todas as veciñas e veciños no concello”. Sente a responsabilidade de estar á altura da confianza dos seus compañeiros e compañeiras da agrupación socialista, aos que define como “persoas moi traballadoras e implicadas”.

En canto ás liñas mestras do seu programa electoral, destaca a súa viabilidade e realismo: “Presentamos un programa político que é un contrato realizable coas veciñas e veciños”. Ese programa estrutúrase en tres eixos fundamentais: no ámbito social, a construción do tan demandado centro de día e vivendas; no económico, a mellora do polígono industrial para atraer empresas; e no das comunicacións, a mellora das infraestruturas viarias.

As necesidades principais da Pastoriza considera que son dúas: “A captación de empresas para que a nosa xuventude non teña que marchar a vivir e traballar fóra do concello; e rematar o centro de día que o goberno socialista tiña xa na súa última fase”. Respecto á relación co actual equipo de goberno, defende unha postura construtiva. “É de diálogo constante e colaboración nas iniciativas que consideramos que melloran a vida das veciñas e veciños”, afirma. Iso si, critica a campaña de “difamacións, medias verdades e bulos” que asegura que a oposición levou a cabo nos últimos anos nas redes sociais.

Na oposición está tamén o BNG, con Elva Carrera, que estivo no Goberno e á que invitamos a participar nesta reportaxe pero preferiu non facelo.

⚙ Configurar cookies
0.17927694320679