A oposición fala en Abadín

TerraChaXa
O PSOE, único partido na oposición e dirixido por Pablo Díaz, obtivo o 47,05% dos votos nos comicios.
psoe abadin
4 Feb 2024

O PSOE, único partido na oposición e dirixido por Pablo Díaz, obtivo o 47,05% dos votos nos comicios.

Abadín é hoxe en día un dos concellos bipartidistas da provincia, xa que o Partido Popular gobernará estes castro anos co 51,18% dos votos e o PSOE, en crecemento nas últimas lexislaturas, acadou nas últimas o 47,05%.

Á fronte do mesmo está Pablo Díaz, que se presentou por primeira vez no ano 2007 como parte da lista, que lidera desde 2011. A súa meta é lograr que o seu partido goberne por primeira vez os destinos de Abadín.

Pero os comezos de Pablo Díaz na política remóntase ao ano 2004, cando o seu pai, Secundino Díaz, logrou representación para o PSOE cun concelleiro. “Aí foi cando comecei a axudarlle no seu labor de facer boletíns para informar á xente”. A carreira de Pablo Díaz é fulgurante xa que pasou de ter no 2011 un concelleiro aos 5 que ten actualmente, quedando nestas eleccións a 60 votos do triunfo.

Para Pablo Díaz, o papel da oposición no Concello é claro: “Escoitar aos veciños, facer valer a súa voz, propoñer propostas para mellorar a calidade de vida dos veciños e intentar darlle solucións ás inxustizas que se cometen por parte da Alcaldía, así como controlar e fiscalizar o labor o alcalde”.

No seu programa figuran varios puntos clave, como son a construción dunha residencia, abastecemento de auga a todas as parroquias, facer un polígono industrial ou as concentracións parcelarias.

Para Pablo Díaz, o maior dos beneficios do seu labor na oposición é “a satisfacción de poder axudar aos meus veciños e veciñas”, pero tamén conta que hai moitos sacrificios, que resume como “moito traballo e tempo, é un sacrificio a nivel persoal, laboral, familiar, en todos os ámbitos”.

“O maior beneficio é a satisfacción de poder axudar aos meus veciños e veciñas”

OS DATOS

HABITANTES: 2.490.
PARROQUIAS: 19.
EXTENSIÓN: 196 km cadrados.
PARTIDO XUDICIAL: Mondoñedo
CORPORACIÓN: 6 concelleiros do PP e 5 do PSOE
ALCALDE: José María Rancaño (Partido Popular)

Vostede representa o PSOE da localidade, como axuda o seu partido a mellorar a vida na vila?

O PSdeG-PSOE axuda en practicamente todo o que se fai no Concello. Para empezar o centro médico do concello, o cal foi feito polo goberno socialista de Felipe González e que na actualidade está sufrindo graves recortes de persoal sanitario que están afectando a todos os veciños. O Plan Deputación, antigo Plan Único polo cal se fixeron innumerables obras, como o parque infantil na área recreativa da Róxica de Gontán, traídas de auga, compra de parcelas, os contedores da lixo, moitos aglomerados de pistas, SAF, etc. E recentemente, cos fondos europeos Next Generation do Goberno de España, teremos Internet de alta velocidade grazas ao goberno de Pedro Sánchez, acabamos de adquirir un vehículo de máis de 40.000 euros para prestar servizos a persoas dependentes ou persoas con discapacidade, tamén nos beneficiamos do plan de accesibilidade para o acondicionamento do acceso ao pavillón municipal. Outra obra foi a creación da área recreativa da Roxica en Gontán, feita tamén polo goberno socialista.

Cales son os seus obxectivos a nivel político?

Quitar a Abadín da decadencia que sofre por mor de políticas de máis de 40 anos de goberno do PP en Abadín, creando un polígono industrial para asentar poboación, unha residencia, cuxa proposta levamos a Pleno e sempre foi rexeitada polo PP, e a data de hoxe non sabemos nada, todo son largas, segundo alcalde xa tiña que estar rematada en xullo do 2022. Tamén queremos promocionar os nosos produtos, as nosas feiras, impulsar concentracións parcelarias ou figuras similares para que a xente moza poida ter futuro no sector primario.

Podería explicarnos as condicións laborais e económicas que ten un representante municipal?

A situación económica é moi difícil. Na lexislatura 2019-2023, o alcalde quitounos a asignación económica por grupo político. Os cartos eran para facer boletíns e informar á xente da realidade que pasa en Abadín, nesta lexislatura volveu quitar a asignación económica por grupo político, é unha maneira de facernos calar. Referente á nosa asignación por asistencia aos plenos agora tarda moitos meses en pagar ou paga uns e os anteriores non, cando as xuntas de Goberno dos concelleiros do PP, que son máis numerosas, están o día. É unha maneira de castigarnos xa que cando tiñamos un ou dous concelleiros pagaba ao día.

Cales considera que son as principais necesidades no seu concello?

Hai que facer políticas para asentar poboación e que así medre o concello facendo actuacións que asenten e traian xente ao noso concello, un polígono industrial, facer dunha vez por todas a residencia de maiores, tan demandada e necesaria para os veciños dende fai tantos anos, facer concentracións parcelarias ou figuras similares, potenciar os nosos produtos a nosa gandaría, as nosas feiras. Estas medidas axudarán a mellorar os servizos básicos do noso concello, que están nunha grave situación, como son os médicos, pediatras, etc.

Como son as relacións co equipo de Goberno?

Nulas, non existen. O alcalde goberna todo por decreto, sen comunicación algunha, non facilita ningún tipo de información, non hai transparencia ningunha. Por exemplo, solicitamos información de partidas de gastos diversos por diferentes cantidades, algunha de 12.000 euros en varias ocasións, non obtivemos resposta algunha, tampouco temos acceso ás actas dende que tomou posesión o novo Secretario en outubro de 2022 das xuntas de Goberno, nin acceso a ningún tipo de facturas, aos informes de reparos de legalidade do secretario por gratificacións, omisión dos procesos de contratación de obras de persoal para traballar no concello, gratificacións, etc... Solicitamos documentación hai máis dun ano sen contestación algunha, tendo que acudir acotío ao Valedor do Pobo, o cal xa o requiriu en varias ocasións pero sen resultado algún. En definitiva, estamos nunha auténtica ditadura.

0.079635858535767