A oposición fala en Friol

TerraChaXa
Ana María Pardo Lorenzo é a única concelleira da Corporación que non está no Goberno local
ana-maria-pardopsoe-friol
15 sep 2024

Dos once concelleiros que forman a corporación no Concello de Friol, Ana María Pardo Lorenzo é a única representante de esquerdas e tamén a única concelleira que non forma parte do equipo de goberno.

“Persoalmente non me gusta definirme como oposición porque creo que o meu papel como concelleira non é opoñerme, senón achegar todo o que poida para que este Concello mellore. É certo que moitas veces me toca o papel de fiscalizador das políticas e accións do goberno local, cuestionando decisións, esixindo transparencia e garantindo que as voces máis críticas tamén poidan ser escoitadas e consideradas en todas as etapas do proceso político. Pero tamén é a miña responsabilidade presentar propostas e alternativas construtivas, para intentar conseguir o mellor desenvolvemento e benestar para toda a xente de Friol”. Así define o seu difícil papel Ana María que considera imprescindible marcar o seu papel “de vixilancia activa e propositiva. Debemos estar atentos ás necesidades e preocupacións dos cidadáns, actuando como os seus portavoces e traballando para propoñer solucións que promovan o progreso e a xustiza social”.

Defensora dun “diálogo aberto e construtivo co goberno local, colaborando sempre que sexa posible en prol do interese público”, afirma que traballa en “estreita colaboración” cos membros do meu partido a nivel local, pero tamén cos compañeiros a nivel provincial e autonómico, para desenvolver políticas e programas que realmente melloren a calidade de vida no noso pobo”. Para iso aposta por planificar a longo prazo.

Defende os traballos realizados na localidade polos gobernos socialistas, “como as únicas vivendas sociais que hai en Friol, promovidas pola Xunta de Emilio Pérez Touriño e a Deputación de Lugo leva investido preto de 3 millóns de euros nos últimos anos para mellorar os servizos públicos e en crear emprego. Tamén lembra o investimento socialista no Plan Único, o servizo de Axuda no Fogar, o financiamento a entidades culturais e deportivas locais, as infraestruturas en parroquias, a posta en marcha do GES, “sen esquecer as actuacións que se están a levar a na actualidade para dotar de Internet de alta velocidade con fibra óptica”.

CONCELLEIRA

Do seu papel como concelleira di que “esixe unha grande dedicación e, ás veces, implica sacrificios significativos. Isto pode incluír longas horas de traballo, a miúdo máis aló do horario normal, menos tempo dispoñible para a miña vida profesional, familiar e para actividades persoais, e a necesidade de lidar con presións políticas e públicas.

Pero para ela se compensa “con poder contribuír ao benestar da comunidade e tamén aprenderlle co exemplo aos meus fillos, e a quen queira velo, que loitar polos principios e valores nos que se creen fan que os sacrificios pagan a pen”.

A nivel económico explica que “por este ano de concelleira, levo ingresados 705.60 euros (algo menos de 60 ao mes), polo que se pode dicir que, en termos de compensación financeira, os membros da oposición dispoñemos duns recursos, cando menos, desafiantes e que non son o motivo para investir o tempo e esforzo dedicados ao cargo”.

VOLTA A CASA

Ana María Pardo é unha friolesa que levaba moitos anos vivindo fóra pero que o confinamento a pillou na vila e decidiu quedar. Afirma que leva interesada na política dende sempre xa que o seu pai, Eulogio o practicante, foi un dos fundadores e varias veces voceiro deste PSdG-PSOE de Friol. “Podería lerse en clave de relevo xeracional pero por convicción propia, non por tradición familiar”, afirma.

“Non é un segredo que ao PSdG-PSOE en Friol non pasa polo seu mellor momento, pero cando me propuxeron encabezar esta candidatura só puxen unha condición: contar co apoio dos socialistas de Friol, e non podo máis que agradecer que ese apoio que foi maioritario”, engade.

Entre os obxectivos políticos de Ana María Pardo está o fortalecemento dos servizos públicos; o apoio ao emprendemento local; a promoción da participación cidadá e o desenvolvemento comunitario; o desenvolvemento económico sostible; a preservación do noso patrimonio cultural e ambiental; e investimentos en comunicacións e infraestruturas sustentables, promovendo a eficiencia enerxética e as enerxías renovables.

“Queremos construír un Friol onde todos teñan voz e onde a colaboración comunitaria sexa a clave do noso progreso”, conclúe.

0.087769031524658